Narón-Reunión cos representantes do comité de empresa de Electrorayma

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste xoves a reunión convocada no Concello de Narón con representantes do comité de empresa de Electrorayma e á que tamén asistiron os portavoces municipais de Terra Galega, Román Romero; PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillón e BNG, Olaia Ledo.

Ferreiro recibiu xunto con outros representantes da corporación local ós traballadores da empresa na praza de Galicia, donde se concentraron minutos antes das 9.30 horas, cando deu comezo a reunión no Consistorio.

No transcurso da xuntanza o presidente do comité de empresa, Roberto Montero, explicou a situación que atravesa actualmente a empresa debido á falta de acordo con Navantia polo pago das débedas pendentes derivadas dos sobrecustes de traballos realizados no asteleiro pola compañía con sede no polígono de Río do Pozo.

«Navantia recoñece nas diversas conversas que temos con eles que ten unha débeda con Electrorayma e parece mentira que unha empresa pública se negue a pagar unha débeda que eles mesmos recoñecen. Isto o que amosa é que os traballadores lles importan moi pouco»

Montero indicou que no seu día Electrorayma e Navantia chegaron a un acordo para presentar unha tasación externa dos traballos, que se fixeron e esa tasación deu un prezo similar ó que decía Electrorayma. «Se as partes queren poden pedir outra tasación, polo que hai maneiras de desbloquear esta situación e cremos que o interese é non desbloqueala pero nós seguiremos loitando» avanzou.

O representante dos traballadores incidiu no feito de que «se as dúas partes queren, razoando ten que haber unha solución, porque as modificacións somos conscientes de que foron enormes e os traballos que se fixeron están aí».

O presidente do comité de Electrorayma recordou que Navantia pode auditar a todas as empresas que traballan alí, explicando que «no momento en que Electrorayma recoñece a Navantia que coa ampliación da obra ten problemas económicos, pode auditala, cousa que non fixo e parécenos raro que non o faga. Isto fainos sospeitar que teñen medo ó resultado»

A alcaldesa e os portavoces dos grupos municipais da corporación local abordaron co presidente do comité e co resto de traballadores posibles vías de acción para tratar de que ambas partes cheguen a un acordo para materializar o pago dos traballos realizados pola compañía.

O pleno do Concello de Narón aprobou o pasado 30 de setembro por unanimidade da corporación local unha moción para instar a Navantia a que conte coa empresa Electrorayma para o desenvolvemento de novos proxectos, para que evitar a posible perda duns 300 postos de traballo de familias da comarca.

A alcaldesa reiterou aos traballadores o apoio da corporación local nas súas reivindicacións e comprometeuse a realizar as xestións oportunas co Concello de Ferrol e ante a Mancomunidade de Concellos de Ferrol para defender a continuidade dos postos de traballo en Electrorayma.

Ferreiro trasladoulles aos representantes dos traballadores que «estamos á vosa disposición para realizar as xestións que estean na nosa man e reunirnos con quen sexa preciso con fin de que as dúas partes se reúnan e poidan chegar a un acordo para manter os postos de traballo e, en definitiva, a continuidade dunha empresa á que avalan tres décadas de experiencia profesional no sector naval»

Ó remate da reunión Ferreiro púxose en contacto co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, para trasladarlle que en Narón coinciden na importancia de solicitar unha xuntanza en Madrid cos grupos políticos parlamentarios e a dirección de Navantia e tamén outra co director de Navantia Ferrol co fin de abordar a situación.

Así mesmo, a alcaldesa de Narón solicitoulle ó tamén presidente da Mancomunidade que se aborde esta problemática na vindeira xuntanza do citado organismo, ó tratarse dunha situación que afecta a toda a comarca.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …