Narón-Inscripción ás actividades permanentes da Biblioteca e na Ludoteca da Solaina

A Biblioteca municipal de Narón retomará o vindeiro mes de outubro as actividades permanentes, abrindo nas vindeiras semanas o prazo de inscrición nas mesmas.

Así o anunciou a concelleira responsable da área, Mercedes Taibo, que indicou que o luns 13 de setembro as persoas que desexen acudir ás sesións do Club de Lectura feminista poderán inscribirse a partir das 9.30 horas (presencial ou telefonicamente chamando ó 981 382 173) na actividade, para a que se ofertan doce prazas que se outorgarán por orde de inscrición.

Esta actividade consiste en dúas xuntanzas ó mes nas que as persoas participantes coñecerán, reflexionarán e compartirán diferentes cuestións dende unha perspectiva feminista a través da lectura de varias autoras. Diríxese a persoas maiores de 18 anos co carné da Rede de Bibliotecas e como novidade este ano a primeira sesión de cada mes será por videochamada e a segunda presencial.

Tamén se retomará o Club de Lectura para persoas adultas, podendo inscribirse dende o 20 de setembro ás 9.30 horas (tamén presencialmente ou por teléfono) ofertándose doce prazas. Ó igual que o Club de lectura feminista, diríxese a maiores de 18 anos con carné da Rede de Bibliotecas aínda que neste caso do Club de lectura para persoas adultas haberá xuntanzas mensuais, presenciais, para comentar lecturas comúns. O mesmo día no que se abre a inscrición as persoas con praza poderán levar a primeira das lecturas, que se comentará na primeira sesión, o martes 19 de outubro de 19.00 a 20.30 horas.

Outra das opcións son as Clases de español para persoas estranxeiras, un servizo que se desenvolve todos os xoves, de 19.30 a 21.00 horas e con dez prazas dispoñibles. As persoas interesadas en acudir poden anotarse a partir do luns 27 de setembro ás 16.00 horas, presencialmente o chamando ó número de teléfono da Biblioteca.

As Mesas de conversa en inglés retomaranse tamén en outubro, abríndose o prazo de inscrición o 29 de setembro para as primeiras sesións do trimestre, que terán lugar o luns 4 de outubro. A participación é libre e de balde, polo que cada persoa terá que reservar praza para cada día que queira asistir, abríndose o prazo para cada luns o mércores anterior ás 9.30 horas. As Mesas de conversa en inglés desenvolveranse todos os luns en dúas sesións: de 17.15 a 18.15 ou de 18.15 a 19.15 horas.

A concelleira de Bibliotecas anunciou tamén a apertura do prazo de matrícula para inscribirse no curso 2021-2022 da Ludoteca municipal da Solaina. Taibo explicou que xa se poden anotar de 19.00 a 20.00 horas (atención ò público) nas quendas establecidas: os luns, mércores e venres de 16.00 a 19.00 horas; os martes e xoves de 16.00 a 19.00 ou os venres de 16.00 a 18.00 horas.

A Ludoteca municipal ofrece os seus servizos a familias con menores de 3 a 12 anos e terán prioridade as usuarias e usuarios que se inscriban a tempo completo na opción elixida das tres dispoñibles. As persoas que desexen máis información poden desprazarse ó centro de luns a venres, no horario de atención ó público, escribir un correo electrónico á dirección: ludoteca@naron.es ou chamar ó número de teléfono 981 389 284.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …