O Padroado da Cultura de Narónaprobou a programación correspondente ao último cuadrimestre deste ano.
A alcaldesa da cidade e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro, anunciou que se levarán a cabo no Pazo entre setembro e decembro un total de vinte e tres espectáculos, dirixidos a todo tipo de públicos. «Actores como Carlos Blanco, Toni Acosta, Pepón Nieto, Olivia Molina e Alicia Borrachero, o humorista Xosé Antonio Touriñán, os cantantes Ismael Taboada, Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, entre outros, subiranse este ano ao escenario do Pazo, donde tamén haberá música góspel, circo e varias propostas de música e teatro infantil» tal e como avanzou Ferreiro.
En setembro
A programación dos últimos meses do ano retomarase o 12 de setembro, coa actuación de Coldday Kids, unha banda tributo a Coldplay –Tertulia Producións-, unha proposta pensada para as nenas e nenos na que interpretarán temas da recoñecida banda británica.
Continuará a programación de setembro os días 17 e 18 coa representación da comedia «Quen dixo medo?» –Con de Tres Pés S.L.-, protagonizada por Oswaldo Digón e Carlos Blanco; o 24 e 25 poderase ver o drama «Los Pazos de Ulloa» –Secuencia 3-, baseada na obra de Emilia Pardo Bazán e co Olivia Molina, Pere Ponce e Esther Isla entre o elenco artístico e o 26 co espectáculo multidisciplinar de música en directo «Acróbata y arlequín»–La Maquiné-, con Alejandro Conesa, Natalia Calles e outros actores e actrices que darán vida a varios personaxes para representar esta peza inspirada no universo do circo de Pablo Picasso a comezos do século XX e a música das primeiras vangardas.
En outubro
A música marcará de novo o inicio da programación do mes de outubro, coa presentación do disco «Sin cadenas» de Ismael Taboada, o día 2, para continuar con teatro musical o día 9, con «Las cuatro estaciones… ya no son lo que eran» –Teatro Che y Moche-, unha comedia a partir da música universal de Vivaldi e cun musical infantil, «La Granja» –Tertulia Producción– o día 10 de outubro, no que se dará a coñecer a granxa máis famosa de todos os tempos.
A música folk estará tamén moi presente no Pazo, donde o día 15 se poderá ver o concerto «Ailá» –Ozono, Horizonte Musical S.L.-, unha proposta inspirada nas recollidas históricas dos cantos de transmisión oral de Galicia, dando paso o día 16 ao humor da man de Xosé Antonio Touriñán, protagonista da comedia «Aquí tou» –Ainé Producións-.
As últimas tres propostas do mes de outubro serán o 23, coa representación de «Mocha Dick» –La mona ilustre-, baseado na novela gráfica «Mocha Dick: la leyenda de la ballena Blanca», de Francisco Ortega e Gonzalo Martínez o 30 con «Las criadas» –Pentación Espectáculos-, un drama sobre a alta burguesía francesa entre cuxo elenco está a actriz Alicia Borrachero, e o 31 con «Alicia» –Máquina Teatral Teloncillo SL-, unha proposta de teatro musical protagonizada por Alicia, varios animais, xardineiros…
En novembro
No mes de novembro o día 6 terá lugar unha proposta de novo circo, «Drop» –Pistacatro Productora de Soños SL, con catro malabaristas e un pianista, para seguir a programación o día 7 co musical «Recuérdame. El tributo a Coco» –Vol Music Events-, baseado nunha das películas máis entrañables de todos os tempos, e o 13 coa comedia «O mozo da última fila» –Redrum Teatro-, protagonizada por un mozo problemático e que comeza a transformarse.
O sábado 20 o monologuista J.J. Vaquero –Tertulia Producción- subirase ao escenario do Pazo para protagonizar un espectáculo moi particular, o domingo 21 será o turno da música con «Pettit Pon en concerto» –Edicións Embora SL-, un concerto de música familiar baseado no sentido do humor e que busca a implicación do público e o día 27 estarán en Narón Pepón Nieto, Toni Acosta, Dani Muriel e María Ordóñez, entre outros actores, con «Anfitrión» –Mixtolobo SL-, unha peza sobre un texto orixinal do autor latino Plauto.
En decembro
Finalmente, no mes de decembro o día 10 haberá un concerto de música folk tradicional, con Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, que presentarán en Narón o seu terceiro disco, «As catedrais silenciadas»-; o 11 poderase ver a obra «O charco de UIises» –Centro Dramático Galego-, unha versión libre da Odisea; o 12 regresará a música da man de Mistura Son, con «Cuba e Galicia xuntas» un proxecto de sete mulleres, músicos galegas e cubanas; os días 17, 18 e 19 terá lugar unha nova proposta de circo, «Circo de Nadal» –La fiesta escénica-; e o 23, para pechar a programación do último cuadrimestre deste ano, chegará de novo, como é tradicional cada ano, a música gospel, con «Spitir of New Orleans Gospel Choir» –The Projecto Music-.
As persoas abonadas poden reservar a butaca asignada dende hoxe ata o 31 de xullo e a partir do 4 de agosto poranse á venda libre as entradas dos espectáculos do Padroado na web do Padroado e no despacho de billetes do Pazo.