Narón-Presentados os resultados do estudo “Conciliación en tempos da covid-19?”

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, presentou na mañá deste xoves os resultados do estudo Conciliación en tempos da covid-19?, impulsado polo Concello de Narón o pasado mes de abril para coñecer de primeira man o xeito no que as familias naronesas viviron este último ano de pandemia.

García agradeceu inicialmente a participación das 465 persoas que se sumaron a esta iniciativa, contestando ás preguntas da enquisa en liña que se habilitou para realizar o estudo a través da plataforma Abalar e tamén nos grupos de debate. «Sen todas esas persoas que fixeron posible este estudo non sería posible coñecer a situación real que atravesan numerosas familias da cidade e desenvolver esta investigación», apuntou a edil naronesa.

«Queriamos saber o impacto da crise sanitaria, económica e social derivada da covid-19 entre as familias naronesas, e concretamente coñecer as posibilidades que tiveron para conciliar a súa vida laboral e familiar» explicou García. Con este obxectivo realizáronse tres grupos de debate, dous nos que participaban as nais e pais cos seus fillos escolarizados en educación Infantil e/ou Primaria e un terceiro grupo con alumnado de sexto curso de Primaria.

En canto ao estudo, a responsable da área de Benestar Social indicou que un 44,4% das familias da cidade consideran que a situación de conciliación empeorou trala pandemia, mentres que o 38,2% aseguran que non mudou a súa situación particular e o 17,4% restante recoñece que a súa situación de conciliación mellorou no último ano.

Así mesmo, no documento presentado este xoves recóllese que as principais dificultades coas que se atoparon as familias para conciliar foron: os coidados das crianzas (sobre todo das máis pequenas), a falta de acordo entre tempos laborais e escolares, o apoio nas tarefas e deberes coa situación da docencia en liña, o teletraballo, a ausencia de rede familiar (sobre todo os avós) e a cancelación de servizos de conciliación como é o de madrugadores ou os comedores escolares. Os peches perimetrais que estiveron en vigor durante a pandemia e as vacacións escolares e peches de centros de día foron tamén outros factores que influíron negativamente nas opcións de conciliación das familias da cidade.

Así mesmo, entre as principais dificultades para conciliar tamén figura o emprego, citado nun 36,6% dos casos, e os tempos escolares, cun 25,2%. Neste ámbito, en función das persoas que participaron na enquisa, un 35,5% recoñece que tivo que facer renuncias de tipo laboral para poder coidar, un 25,4% asumiu peores horarios para favorecer a conciliación, un 23,4% reduciu a súa xornada e ata un 12,7% deixou directamente o seu emprego para poder conciliar. «Temos casos nos que os propios homes recoñecen directamente que no labor que desenvolven os pais en materia de traballo doméstico e corresponsabilidade si houbo avances pero tamén que queda moito camiño por percorrer nalgúns casos» apuntou García.

«Este estudo permitiranos adaptar os servizos e recursos municipais destinados a garantir a conciliación das familias da cidade, para poder facer uso dos mesmos nas mellores condicións posibles e sacándolles o máximo partido» asegurou García.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …