A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Educación, Mercedes Taibo, participaron na mañá deste martes nunha reunión vía telemática con representantes da Consellería de Educación, entre eles o secretario xeral, Manuel Vila, para plantexarlles diversas necesidades do Concello en materia educativa.
O pasado mes de febreiro a rexedora local desprazouse a Santiago de Compostela para manter unha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que este último lle avanzou unha próxima reunión coa Consellería de Educación para analizar o estado de conservación de centros educativos de titularidade autonómica. Foi
precisamente ese un dos asuntos abordados na reunión deste martes, na que Ferreiro reiterou ao representante da citada Consellería os graves problemas que afectan aos centros educativos da cidade e que urxen reparacións.
“No ano 2019 trasladamos á entón conselleira de Educación eses mesmos problemas que lamentablemente continúan igual e, nalgúns casos, incluso empeoraron co paso do tempo debido á falta de mantemento nos edificios da administración competente, a Xunta de Galicia”, apuntou Ferreiro.
Unha vez máis, tal e como trasladou en reiteradas ocasións á Xunta, a alcaldesa ofreceu a posibilidade de “asinar un convenio entre a Xunta e o Concello para, aínda non sendo competencia a administración local, colaborar nas reparacións que precisan os centros educativos da nosa cidade”.
Así mesmo, a rexedora local denunciou a escasa oferta en ciclos de Formación Profesional na cidade e reclamou a construción dun Centro Integrado de Formación Profesional con dous ciclos superiores, un de Transporte e Lóxística e outro de Comercio Internacional. Esta formación, apuntou Ferreiro, “non foi elixida ao azar, senón que se adapta ás demandas que se rexistran nos últimos tempos nas empresas da nosa comarca, o que facilitaría considerablemente a inserción laboral do alumnado que realizase algún deses ciclos”.
O Concello comprometeuse a enviar un documento no que se recollan as necesidades máis urxentes dos centros educativos e tamén unha proposta do convenio de colaboración para cofinanciar as reformas precisas.