Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, advertiu esta mañá ao goberno local que é preciso «mudar e mellorar a política de ingresos que ten o Concello e que a mesma debe verse reflectida nos orzamentos municipais do 2021«. Neste sentido pediu ao goberno local que incorpore a compensación económica que a empresa Urbaser «adebeda ao Concello polos beneficios que obtivo no exercicio de 2018«.
Destacou que Urbaser debe indemnizar ao Concello de Ferrol con 317.931 € polos beneficios que obtivo por explotar a concesión do servizo de recollida de lixo na cidade segundo se constata nos datos da auditoría ao que anualmente somete o Concello a esta empresa. «Tal e como se recolle nos pregos de condicións que regulan os servizos que presta a empresa, o Concello ten dereito a percibir 2/3 do beneficio que supere o 8% de beneficio neto da empresa«, afirma.
O informe da auditoría a empresa Urbaser polo exercicio de 2018 presentado polo Concello recolle, segundo o auditor, «que esta empresa tivo 915.061€ de beneficios polo que o Concello ten dereito a percibir 2/3 partes de 476.897,56 que sería a porcentaxe de beneficio obtido que supera ese limite do 8%«. Se a estas demandas da empresa «por gastos derivados de que a súa sede estea en Madrid lle sumamos o beneficio do 8% que os veciños e veciñas deben aboar como mínimo é evidente que a xestión directa por parte do Concello deste servizo suporía un substancial aforro económico para o Concello ademais dun mellor servizo para a veciñanza«.
Iván Rivas pediu que o goberno local «empece dunha vez a esixir que as empresas privadas que prestan servizos municipais cumpran coas súas obrigas económicas con este Concello, que paguen regularmente o canón, cousa que EMAFESA non fai, ou como agora neste caso que compense ao Concello polos seus beneficios«.
O BNG considera que o goberno local debe «esixir o ingreso desta cantidade nas arcas municipais de xeito inmediato ou no seu defecto detraer esta cantidade das facturas que mes tras mes van ao pleno para o seu pago como recoñecementos extraxudiciais«.