A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, recibiron na mañá deste venres no Concello á presidenta e o xerente da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes), Mercedes Fernández e José Alén, respectivamente, para coñecer de primeira man o Servizo de Promoción de Autonomía Persoal (SPAP) da entidade.
Os representantes de Aspanaes trasladaron a Ferreiro e García as necesidades que ten actualmente a entidade, donde se rexistrou nos últimos meses un incremento da atención e demanda. Sobre este último asunto indicaron que a metade da demanda na comarca é de persoas da cidade, “o concello co maior índice de natalidade nesta zona”. A través do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal ofrécense os servizos de detección, valoración e diagnóstico, atención temperá, estratexias socioeducativas e habilidades psicosociais. “É moi importante a celeridade no diagnóstico porque canto antes se atende ás persoas con autismo mellor calidade de vida se lles pode ofrecer e tamén evolucionan mellor”, asegurou a vicepresidenta de Aspanaes e presidenta da Federación de Autismo de Galicia. Así mesmo, tamén trasladaron a necesidade de dispoñer dun local propio, sen ter que compartilo, debido precisamente a ese incremento no número de persoas usuarias dos seus servizos e “porque queremos darlle un impulso neste concello á asociación”.
A alcaldesa destacou o traballo que realiza a asociación e tamén a colaboración que sempre amosa o seu persoal en materia de información e asesoramento ás veciñas e veciños da cidade. O Concello mantén un convenio coa entidade por un importe de 12.000 euros a través do que se impulsan diferentes iniciativas.
Os representantes de Aspanaes convidaron a Ferreiro e García a visitar o seu centro, convite que agradeceron e que se comprometeron a realizar en canto sexa posible. A alcaldesa e a edil naronesas manterán unha nova xuntanza cos integrantes da entidade unha vez que se analice a viabilidade das propostas que se abordaron na xuntanza mantida hoxe.