A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, mantiveron esta mañá unha reunión con Teresa Gallo e María López, presidenta e monitora de Servizos á comunidade, respectivamente, da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF). No transcurso da convocatoria abordaron, entre outros asuntos, o mantemento do convenio de colaboración que o Concello ten en vigor dende hai anos coa entidade e a través do que se realizan diferentes actividades e se prestan determinados servizos.
As representantes da AXF valoraron o resultado do encontro, que calificaron de “moi produtivo” e plantexaron a posibilidade de materializar novas propostas no marco do convenio coa administración local. Teresa Gallo agradeceu a receptividade tanto de Ferreiro como de García para analizar algunhas das propostas plantexadas e que se comprometeron a enviar por escrito nos vindeiros días.
Pola súa banda, a alcaldesa e a concelleira de Benestar Social destacaron o labor que desenvolve a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e agradeceron a súa implicación á hora de participar en diferentes iniciativas e actividades impulsadas dende o Concello. Así mesmo, amosaron a súa disposición a abordar as novas propostas que se remitirán ao Concello e animaron ao colectivo a continuar traballando na mesma liña, para o que ofreceron a colaboración, como noutros anos, do Consistorio naronés.