O BNG de Narón e representantes sindicais do servizo de correos da CGT mantiveron unha xuntanza co deputado da formación nacionalista no Congreso, Nestor Rego, para informalo sobre as carencias e os problemas que existen en relación ao servizo postal da cidade. A organización nacionalista rexistrou varias preguntas no Congreso e adianta que presentará iniciativas na cámara estatal reclamando ao Goberno do Estado a manter o persoal necesario para cumprir coas obrigas do servizo postal universal e mesmo aumentar as carteiras nun concello que medra en habitantes.
Nas instalacións de Correos de Narón traballan 23 persoas nas tarefas de distribución e 7 en atención ao cliente. Anteriormente, o servizo de reparto contaba con dúas persoas máis que se xubilaron e os seus postos de traballo non foron repostos. A estas dúas ausencias deben sumarse outras de carácter temporal e puntual como as baixas, os permisos por maternidade ou paternidade e mesmo os días de vacacións do persoal. Esta situación provoca que a unidade postal da cidade se atope preto do colapso, supoña unha sobrecarga para o resto do persoal e sexa practicamente imposíbel cumprir os prazos de entrega da correspondencia.
“Narón é un concello que, na última década, posúe un saldo positivo en crecemento de habitantes e precisa mellorar servizos tan necesarios como é o de Correos” apunta o deputado nacionalista no Congreso. As zonas que quedan máis habitualmente sen cobertura ante o colapso da oficina son as zonas de “Santa Rita de Xubia, O Ponto, Freixeiro, Piñeiros e a parte da Gándara” situadas na zona urbana.