A exposición fotográfica “Mulleres en Narón” poderá verse no acceso peonil do Pazo da Cultura, no exterior da fachada principal, donde permanecerá ata o vindeiro 18 de marzo. A edil de Igualdade, Mar Gómez, indicou que “esta mostra organizada con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, inaugurouse na Praza da Gándara o pasado 5 de marzo e dende o goberno local quixemos apostar por darlle un carácter itinerante, co que se poderá ver en diferentes espazos públicos da cidade”.
Unha vez que remate o período no que estará no Pazo os tres paneis que conforman a mostra trasladaranse á Praza de Galicia, donde permanecerán dende o 18 ata o 25 de marzo. As dúas seguintes ubicacións desta exposición, tal e como avanzou Gómez, serán as inmediacións do local social do Val, donde se poderá ver do 25 ao 31 de marzo, e a praza do antigo Concello de Xuvia, a donde chegará o día 31 de marzo para estar tamén unha semana.
A mostra “Mulleres en Narón” está formada por tres paneis nos que se recorda ás mulleres que recibiron a distinción de “Muller do Ano de Narón” entre os anos 2.016 e 2.020; os recursos do Concello en materia de igualdade e conciliación, a Revolta das Pedradas… “Queremos facer visible o papel da muller na historia da nosa cidade, os recursos dos que dispón a cidadanía no Concello nese ámbito e facelos chegar a través desta exposición a diferentes barrios e parroquias da nosa cidade”, apuntou a edil, que animou á veciñanza a visitar esta mostra itinerante.