Narón-O Concello conmemorará o Día de Rosalía con varias propostas

O Concello de Narón mantén aberto o prazo para que as persoas que o desexen entreguen un vídeo lendo un poema ou un fragmento dun texto de Rosalía de Castro para conmemorar o Día de Rosalía. Organizáronse varias propostas, tendo en conta a actual situación sanitaria, para celebrar un ano máis esta data na cidade a modo de recoñecemento da figura de Rosalía de Castro.

Na Biblioteca municipal permanecen estes días expostas varias obras de Rosalía de Castro e tamén estudos doutros autores e autoras sobre a vida e obra da poetisa galega máis universal. Os textos poderán escollerse para participar na lectura pública que se difundirá a través das redes sociais do Concello e da propia Biblioteca.

As persoas que merquen un libro en galego o día 24 de febreiro nas librarías locais: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e  Pasapáxina   recibirán unha flor como agasallo e tamén as persoas que leven prestado un libro da Biblioteca municipal ou das Axencias de Lectura municipais da Gándara e da Solaina, tal e como avanzou Mercedes Taibo.

Así mesmo, dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello organizouse outra proposta, que consistirá na representación de “Sempre Rosalía”, de Producións Dispersas e protagonizada por Ana Ponte, que se caracterizará de Rosalía de Castro, e Diego Freire, que interpretará a un dos seus biógrafos. Ambos iniciarán un diálogo baseado en poemas de Rosalía de Castro e tamén doutros autores, cun toque de humor, co fin de homenaxear a súa figura e tamén achegala ao público. A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que presentarán unha Rosalía máis alá dos estereotipos que a marcaron no tempo como unha autora “chorona” e na obra farase especial fincapé no seu importante papel na defensa da cultura galega e dos obstáculos que tivo que superar ao longo da súa vida.

Esta representación diríxese a alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria dos centros educativos de Narón e realizaranse dous espectáculos, en función das idades. A proxección do mesmo será o mércores 24, o día do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, ás 9.00 horas, aínda que se poderá ver ao longo de todo o día ao quedar o vídeo en reproducción automática. Difundirase por stremaning para alumnado de Infantil e ata terceiro de primaria no enlace: https://www.culturaenvivo.com/gl/sempre-rosalia/ e para alumnado dende cuarto curso de Primaria ata ESO no enlace: https://www.culturaenvivo.com/gl/semprerosalia-5/

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …