O Concello de Narón reorganiza a disposición dos postos de venta no feirón de Santa Icía. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, explicou que “aproveitando o parón da Covid-19, que impide o desenvolvemento do feirón que se celebraba nesta parroquia cada primeiro domingo de mes, establecimos unha serie de medidas que permitan maiores garantías sanitarias tanto para os responsables dos postos como para a cidadanía que acuda ao feirón en canto sexa posible retomar esta cita porque así o permita a situación sanitaria”.
Pola súa banda, o edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, recordou que anteriormente os postos instalados no feirón ocupaban os dous viais da avenida da Solaina, se ben a partir de agora tan só se ocupará un deles, quedando o outro –en sentido de subida dende a rúa Alexandre Bóveda cara á rúa de Santa Icía- para uso peonil, habilitándose pasos para que a xente poida cruzar sen dificultade, e de vehículos de emerxencia. A reordenación que se aplicará leva tamén a incluír outras vías do barrio para ubicar os postos, polo que unha vez que se retome a cita tamén se poderán instalar postos nas rúas Mestre Don Manuel, Francisco Pizarro, Mercedes Freire Llago, Carlota Lestache e na vía peonil entre a rúa da Solaina e a Cristóbal Colón. A ubicación dos postos en varias rúas permitirá ofrecer máis garantías unha vez que se alivien as restricións sanitarias e esta reorganización de espazos implicará a maiores unha organización do tráfico rodado nesas zonas.
Así mesmo, os espazos reservados para os postos terán unha lonxitude que se unificou en seis metros. Neste caso contémplase unha excepción, que é que os postos de vehículos-tenda ou furgóns e os de restauración poderán dispoñer de espazos maiores, reservando máis dun posto, en función das súas necesidades. A distancia que se establecerá entre cada posto tamén se axustou para cumprir coa normativa sanitaria.
“Aproveitando que non se celebrará polo momento o feirón de Santa Icía dende o goberno local levamos xa un tempo traballando para reorganizalo e, ao mesmo tempo, reactivalo, para que en canto se poida convocar de novo cumprir con todas as medidas sanitarias cando os profesionais sanitarios consideren que as restricións derivadas da pandemia poden aliviarse e se permite retomar este tipo de eventos”, subliñou Ferreiro.