Narón-Búscase unha solución que permita recuperar o muíño das Aceñas,

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, presidiu na mañá deste luns  a reunión á que asistiron os voceiros dos grupos municipais (TEGA, PSOE, PP e BNG) e persoal técnico municipal, organizada para abordar unha solución que permita recuperar o muíño das Aceñas, unha propiedade privada que dende o goberno municipal se tratou de adquirir en varias ocasións. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, comprometeuse no pleno do pasado mes de decembro a convocar esta xuntanza na segunda quincena deste mes, proposta que aceptaron todos os grupos da corporación e que se materializou na mañá deste luns.

Na convocatoria acordouse encargar unha valoración actualizada da construción, para dispoñer dun dato sobre o que poder retomar as conversas cos actuais propietarios do inmoble. O concelleiro de Urbanismo recordou que nas anteriores conversas mantidas con eles non se chegou a un acordo no prezo da compra e avanzou que unha vez se dispoña da valoración actualizada se tentará de novo adquirir o muíño.

A maiores, dende a administración local contactarase coa Demarcación de Costas en Galicia e coa Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e área de Patrimonio) para analizar a viabilidade de que se manteñan compromisos que permitan recuperar esta construción. No mes de abril do ano 2010 o Consello de Ministros aprobou o acordo para declarar de utilidade pública a compra do citado muíño, para incorporalo ao dominio público marítimo-terrestre e co fin de rehabilitalo a través dunha protección integral.

A corporación local aprobou por unanimidade no pleno de decembro unha moción presentada polo BNG adquirindo o compromiso de realizar “todo o que estea nas súas mans” para adquirir o muíño das Aceñas co obxectivo de recuperar posteriormente a construción.

Ramos valorou o resultado desta xuntanza e incidiu en que “dende o goberno local mantemos un gran compromiso co patrimonio desta cidade e un dos exemplos é outro muíño, o de Xuvia, que nos vindeiros meses será obxecto dunha importante intervención, orzamentada en algo máis de 1,6 millóns de euros, que permitirá recuperar e poñer en valor un dos edificios con máis historia da nosa cidade”.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …