A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, entregaronna mañá deste luns as dúas primeiras cestas con produtos de Nadal sorteadas no marco da campaña “Nadal Narón 2020”, dirixida ao sector comercial da cidade.
Juana María Santiago Quintía e Montse García Leira foron as gañadoras das cestas, polas compras realizadas nos establecementos Bioreona, Ivani e Bioreona, no caso de Juana, e nos de Rocío Rodríguez, Bioreona e Lazos, no de Montse.
Ferreiro e Pita felicitaron ás dúas gañadoras polo premio e animáronas a continuar participando nesta campaña, que rematará no mes de xaneiro, e tamén a seguir apostando polo comercio local, do que destacaron a súa variedade e a calidade dos produtos, así como o feito de recibir unha atención persoalizada.
A información desta campaña, así como os establecementos participantes, poden consultarse na web: www.comerciodenaron.com . A maiores do sorteo das cestas, repartiranse 3.000 euros en premios, tanto para os responsables dos establecementos adheridos á mesma como entre a clientela.
As dúas cestas restantes con lotes de produtos de Nadal entregaranse a vindeira semana, se ben tamén se concederán nos vindeiros días os premios dos concursos infantís, dirixidos a nenas e nenos de entre 2 e 12 anos, que puideron participar nun certame de redacción, “Fálanos do teu comercio favorito” e tamén noutro de debuxo, “Debuxa o teu comercio favorito”.
Os responsables dos establecementos que participen na acción “Tarxeta de puntos” entrarán no sorteo de tres vales de compra de 200 euros cada un sempre que realizasen algún selo en alomenos a tarxeta de tres clientes participantes.
Pola súa banda, a clientela, ao realizar compras nos comercios da cidade que se sumaron á campaña tamén participará no sorteo de dous vales de compra de 500 euros cada un (completando tres ou máis tarxetas); dous vales de 300 euros cada un (completando dúas tarxetas); tres vales de 100 euros cada un por participar no concurso de debuxo e outros tres polo mesmo importe por facelo no de redacción e dous vales de 100 euros por participar no concurso en redes sociais. Todos os vales deberán canxearse antes do 15 de xaneiro do 2021 en alomenos dous establecementos que participen na campaña.
A alcaldesa e o edil de Promoción Económica animaron á veciñanza a continuar apostando polo comercio de proximidade e, ao tempo, participar nesta campaña para poder recibir algún dos agasallos da mesma.