Narón-A alcaldesa e o edil de Promoción Económica reuníronse con representantes da Asociación de Comerciantes

 A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, David Pita, reuníronse na mañá deste mércores no Concello con dúas representantes da Asociación de Comerciantes de Narón para continuar analizando a situación do sector, co que o goberno local traballa nunha campaña xenérica e outra orientada á tempada de Nadal.

Ambas partes coincidiron na necesidade de continuar implantando medidas preventivas da propagación da Covid-19, mentres que dende a ACN manifestaron a súa disconformidade co peche de sectores como o hostaleiro, ao que dende o venres restrinxen na reapertura horarios e aforos en función da situación epidemiolóxica de cada concello.

Dende a citada entidade presentaron unha serie de propostas encamiñadas a potenciar a adhesión á plataforma “Merca en Narón” para fomentar as compras online, solicitar á Xunta e á Deputación a creación de canles de colaboración co Concello para fomentar a creación do emprego, e outras medidas, algunhas delas xa en vigor no termo municipal, como a exención da taxa de terrazas no período que os establecementos permaneceron pechados debido ás restricións sanitarias e tamén da cota de abastecemento.

A continuidade da campaña de implantación dos selos “Comercio seguro”, reforzando os cumprimentos dos protocolos de seguridade nos comercios e a habilitación de patrullas de seguridade con policías locais de paisano polas rúas, para vixiar o cumprimento das medidas sanitarias, foron outras das propostas formuladas dende a ACN.

A alcaldesa e o edil de Promoción Económica comprometéronse a analizar a viabilidade das propostas plantexadas e recalcaraon que “dende o goberno local continuaremos á disposición do sector para tratar de axudar na medida das posiblidades da administración para minimizar os efectos desta crise sanitaria”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …