A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou un convenio de colaboración co presidente da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Juan Manuel Victoria. En virtude ao acordo, que supón ás arcas locais un desembolso de 14.000 euros, continuaranse desenvolvendo na cidade programas dirixidos a persoas afectadas de discapacidade intelectual, física e/ou sensorial e ás súas familias.
Ferreiro explicou que mediante este convenio desenvolverase o proxecto FADAS 2020, sobre Formación e Apoio ao Desenvolvemento Afectivo Sexual.
“Trátase dunha proposta de educación afectivo-sexual orientada a un colectivo moi concreto e que lles proporciona recursos e coñecementos para aceptarse e
expresarse nese ámbito, favorecendo a igualdade entre sexos e traballando a nivel grupal e individual”, explicou a rexedora local.
Así mesmo, recordou que se trata dun proxecto que “se leva desenvolvendo varios anos nesta entidade e que representa un gran labor que se suma a outras iniciativas e propostas impulsadas dende esta asociación, que continuará contando co noso apoio para seguir traballando nesta liña”.