A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación Áurega, Marcos Antonio Castro, asinaron na mañá deste mércores un convenio de colaboración por importe de 2.000 euros. Na convocatoria, que tivo lugar no Concello, estivo tamén presente a edil de Ensino, Mercedes Taibo.
A través deste acordo continuaranse levando a cabo na cidade diversas actividades e programas en materia de ensino co alumnado, especialmente con altas capacidades.
O presidente de Áurega agradeceu a colaboración do Concello de Narón coa entidade, sen a que, asegurou, “sería imposible que puidésemos continuar” e valorou o importe da achega concedida.
Pola súa banda, a alcaldesa subliñou a importancia de contar na cidade “cunha asociación como Áurega, sen ánimo de lucro e que traballa con nenas e nenos con altas capacidades e as súas familias, organizando obradoiros especiais dirixidos ao colectivo”.
Unha das propostas que se levan a cabo en Narón é a Escola de Familias, “cun gran éxito de acollida e donde se convocan charlas, conferencias… encamiñadas a ofrecer respostas a algunhas das dúbidas que poidan xurdir no día a día destas persoas”.