Escolares de Neda e Fene recibiron a visita dos Bolechas

Escolares de Neda e Fene recibiron na mañá deste xoves a visita dos Bolechas coa nova proposta do programa de divulgación da Axencia Galega de Emerxencias sobre o uso responsable do número único europeo 112. Para achegar esta importante mensaxe, Pili Bolechas estivo no CEIP de Maciñeira de Neda e no CEIP Plurilingüe O Ramo de Fene. En ambos os dous centros reuniuse con nenas e nenos de 2º de primaria aos que, a través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, lles explicou cando se debe chamar ao 112 e os datos que hai que facilitar aos xestores de emerxencias para ter unha resposta axeitada en cada caso.

As nenas e nenos puideron ver tamén un vídeo no que Braulio Bolechas amosa como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE112 Galicia) onde se reciben e xestionan todas as chamadas de emerxencias que se producen na comunidade autónoma galega. Tras a proxección o alumnado participou nun obradoiro destinado a afondar nos coñecementos adquiridos e aclarar posibles dúbidas, facendo especial fincapé na importancia de facer un bo uso do número de emerxencias 112. Unha mensaxe que poderán ampliar co material didáctico sobre o 112 recibido ao final da actividade, que se realiza seguindo as máis estritas medidas de seguridade.

Proxecto multidisciplinar, tamén en dixital

Esta proposta enmárcase nun amplo programa didáctico destinado á poboación infantil que a Axega puxo en marcha hai uns meses co fin de concienciar desde as primeiras idades na importancia que ten o bo uso do número 112. Para iso, ademais do audiovisual, publicouse un libro dos Bolechas no que, a través dunha divertida aventura, se explica como funciona o servizo de emerxencias na nosa comunidade, como traballa o persoal, como se coordinan todos os servizos etc.

A todo isto súmase unha páxina web específica, https://osbolechas.gal/112, con máis información e consellos, pero tamén con divertidos xogos e actividades que facilitarán a aprendizaxe das nenas e nenos máis pequenos e porán a proba os coñecementos adquiridos. Na web está tamén accesible o vídeo de Braulio Bolechas así como fichas didácticas para traballar diversos aspectos relacionados coas emerxencias dun xeito moi práctico e ameno.

En total, un centenar de centros educativos recibirán ao longo deste mes de outubro a visita de diferentes personaxes Bolechas co fin de achegarlle á cativada galega a importancia do bo uso do número 112 e do traballo que realizan os servizos de emerxencias de Galicia.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …