A Xunta rende homenaxe a Concepción Arenal no seu bicentenario

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este mércores na Biblioteca de Galicia a exposición «Concepción Arenal: Bicentenario 1820-2020″, unha mostra coa que a Xunta de Galicia rende homenaxe a esta autora e que reúne varias das súas primeiras composicións, incluídas as reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade durante o acto, trátase dunha exposición que dá mostra da “inmensa produción intelectual” de Concepción Arenal coa que o Goberno autonómico quere render homenaxe a unha figura altamente considerada e estudada en medios académicos tanto pola súa vertente como ensaísta, como xornalista, defensora dos dereitos da muller pero tamén como poeta ou dramaturga, como se pode comprobar nesta mostra con motivo do bicentenario do seu nacemento.

Para a exposición, a Biblioteca de Galicia seleccionou algo máis de 65 obras dos seus fondos e está artellada en seis eixos temáticos. A primeira das vitrinas está dedicada ás biografías publicadas sobre Concepción Arenal; na segunda amósanse algunhas das súas primeiras composicións, tanto poemas como obras de teatro, artigos na prensa, fábulas en verso e tamén reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio destinada a unha das súas amigas.

A exposición impulsada pola Xunta tamén permite coñecer algunhas das súas obras máis importantes en relación con dous dos grandes temas da súa produción intelectual, a cuestión social e o dereito. As ideas de Concepción Arenal en torno á beneficencia e o dereito penitenciario e o seu pensamento sobre a muller e a educación, centran outro dos espazos da mostra, que se competa coas ideas de Concepción Arenal a través dos libros infantís publicados recentemente, que tamén se atopan na exposición.

«Concepción Arenal: Bicentenario 1820-2020» poderá verse no vestíbulo do Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura ata o mes de decembro. A entrada é gratuíta e poderá visitarse en horario de 10,00 a 20,00 horas.

Lea también

Valdoviño acoge el documental “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”

El Ciclo Mestro Mateo continúa esta semana en Valdoviño con la proyección del documental «Emoción, …