O Concello de Narón reúnese coas direccións dos centros de ensino da cidade ante o inicio do curso

A concelleira de Ensino do Concello de Narón, Mercedes Taibo e os edís de Servizos e Seguridade Cidadá, Ibán Santalla e Román Romero, respectivamente, mantiveron na mañá deste mércores a primeira das tres xuntanzas convocadas polo Concello coas direccións dos centros de ensino públicos e concertados da cidade co obxectivo de coordinar o inicio do curso escolar. Nas reunións participa tamén persoal técnico do Concello e á deste mércores acudiron en representación dos centros de ensino as directoras dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos, o do CPI do Feal e os dos colexios da Gándara e A Solaina.

En canto ao contido destas xuntanzas, Taibo explicou que no referente á área de Ensino, os asistentes abordan “o convenio económico para as actividades e o programa de actividades complementarias e extraescolares que se organizaban dende o Concello nos centros, analizando entre todos a viabilidade de levalas ou non a cabo no curso 2020-2021”.

Así mesmo, Santalla indicou que en materia de Servizos se abordan temas como “a limpeza dos centros e outras necesidades que no citado ámbito sexan de competencia municipal, garantíndose a desinfección de accesos aos centros antes do inicio de cada xornada escolar”.

A maiores, no referente á área de Seguridade, coordínase a entrada e saída dos centros do servizo de transporte escolar e tamén se apostará por reforzar o uso dos Camiños Escolares Seguros, «promovendo que as nenas e nenos vaian camiñando, en bicicleta ou patinete aos centros e reducindo a incidencia derivada da aglomeración de vehículos particulares coincidindo precisamente cos horarios de entrada e saída do alumnado”.

As reunións continuarán desenvolvéndose ao longo desta semana, estando programadas para este xoves, tal e como avanzou Taibo, as convocadas cos directores e directoras dos CEIP Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros e o Colexio Rural Agrupado (CRA) e na xornada do venres as dos tres centros de ensino concertados da cidade: Ayala, Jorge Juan e Santiago Apóstol.

Convocamos estas reunións para coñecer de primeira man e analizar as necesidades de cada un dos centros con persoal das directivas e técnicos do Consistorio, coa finalidade de coordinar un regreso seguro ás aulas, atendendo aos protocolos de prevención da Covid-19, e colaborar na medida do posible a través dos recursos que podemos ofrecer dende o Concello”, recalcou a edil de Ensino.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …