A alcaldesa de Narón visitou as obras de reforzo da rede de saneamento en execución Camino do Pino- parque fluvial de Freixeiro

 A alcaldesa, Marián Ferreiro, desprazouse co edil de Servizos, Ibán Santalla, e co xerente de Cosma, José Manuel Marcote, ata a zona na que se están executando dende hai uns días as obras de reforzo de saneamento dun tramo da estrada de Castela, entre o Camiño do Pino e o parque fluvial de Freixeiro.

Ferreiro asegurou que os traballos, cun prazo de execución de tres meses, “avanzan a moi bo ritmo” e recordou que se trata dun investimento de 108.653 euros. Asímesmo a alcaldesa destacou que “se trata dunha intervención que permitirá solventar un problema que se rexistraba nesa zona do termo municipal con motivo das sobrecargas que se producían no colector en tempadas de moita choiva”. As obras consisten na renovación e ampliación da capacidade hidráulica da rede de saneamento no tramo no que actualmente se executan, na marxe dereita do vial en dirección cara a Freixeiro. “Estanse instalando tubarías cun diámetro maior e tamén se renovará o colector localizado nesa zona, co fin de evitar as sobrecargas que en ocasións se producían na rede”, explicou a alcaldesa.

As vivendas localizadas nas rúas perpendiculares a ese tramo da estrada de Castela –Camiño do Pino, rúas Muíño, Velázquez, San Andrés…- beneficiaranse destes traballos, que permitirán tamén conectar a rede procedente do novo centro de saúde, tal e como apuntou Ferreiro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …