A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade da programación dos espectáculos que se poderán ver entre os meses de setembro e decembro no Pazo da Cultura de Narón. “Trátase dunha programación variada e de calidade, dirixida ao público infantil e xuvenil e con artistas de recoñecido prestixio, que constata un ano máis a firme aposta que o Concello de Narón realiza a través do Padroado da Cultura por esta área na nosa cidade”, manifestou Ferreiro.
Nesta oferta cultural colaboran a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Xacobeo 2021, Rede cultural da Diputación da Coruña e Redelae (Rede europea latinoamericana das artes escénicas). As entradas para estes espectáculos xa están dispoñibles para a venda ao público xeral.
En setembro
A primeira das citas programadas no Pazo será o domingo 20 de setembro ás 18.00 horas cando a compañía Fantoches BAJ se subirá áo escenario co espectáculo de monicreques “Os golfiños e o xigante”, unha fábula de superación con final feliz que foi “Premio Barriga Verde” de textos para monicreques na súa modalidade infantil no 2016.
En outubro
O domingo 4 de outubro ás 18.00 horas, a compañía I wanna management, S.L. subirá ao escenario o espectáculo “Rock en familia. Descubriendo a The Beatles” no que a través de contacontos e unha grande banda tributo descúbrese nesta ocasión á banda recoñecida como a máis exitosa comercialmente e a máis encomiada pola crítica na historia da música popular.
O domingo 11 de outubro ás 18.00 horas a compañía SESNARMIGA S.L. traerá ao Pazo o espectáculo “Rock en familia. Descubriendo a Queen”. Nesta ocasión a música e o contacontos descubriranos a Queen, calificado nunha enquisa da BBC no ano 2007 como “o mellor grupo británico de todos os tempos”.
O domingo 18 de outubro ás 18.00 horas será o turno da compañía Teatro de Malta con “Cenicienta siglo XXI”, un espectáculo no que rir, emocionarse, soñar e amar, que se asenta sobre a idea de que as persoas protagonistas dos grandes cambios sociais que habemos de ver, están sentados no patio de butacas.
O domingo 25 de outubro, ás 18.00 horas, a compañía Viravolta títeres trae ao escenario do Pazo soños cheos de humor, de perigos, de sobresaltos, de monstros e de aventuras. Dirixido aos máis pequenos, combina distintas técnicas de manipulación (varas, fíos, sombras e luva).
En novembro
O domingo 1 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Títeres cachirulo representará o espectáculo “ Xurásico perdido” cun arquólogo, Florentino Amechuino, que descobre un dinosaurio do xurásico moi peculiar.
O domingo 8 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Vol music events trae un musical, “Recuérdame: el tributo a Coco”, baseado nunha das películas máis entrañables de todos os tempos e que emocionará a público de todas as idades.
O domingo 15 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Teloncillo ofrecerá o espectáculo “Cocina”. Un escenario en branco e negro con algunhas pinceladas de cor quenos dan os froitos, cubertos, cazolas, mandís, vaixelas, etc. será a excusa para achegar a poesía, a música, o ritmo e as canción saos máis pequenos, partindo de poemas de importantes autores e autoras.
O domingo 22 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Ghazafelhos, nunha adaptación libre da obra de Carlo Collodi por Pepablo Patinho, contaranos a historia de “Pinocchio”, ese títere universal que agacha un segredo no seu corazón de bidueiro. Unha posta en escena que combina os títeres, teatro actoral e música en directo.
En decembro
Como remate da programación do Padroado da Cultura para público infantil e xuvenil neste ano, o domingo 20 de decembro, ás 18.00 horas, a compañía Kooxcenter S.L. trae ao Pazo o espectáculo “Cuento de Navidad”. Un guión revisado e actualizado faranos viaxar ao nadal de final de século XIX, sen perder a esencia da obra orixinal do escritor británico Charles Dickens. Unha entrañable historia en formato musical para toda a familia