Narón homenaxeará o 23 de novembro ás vítimas da Covid-19 e aos colectivos de profesionais e voluntarios

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a celebración dunha homenaxe institucional o vindeiro 23 de novembro, Día de Narón, para rendir unha homenaxe ás vítimas da Covid-19 e tamén a aqueles colectivos de profesionais e persoal voluntario que continuaron traballando tras decretarse o estado de alarma, o pasado mes de marzo, para ofrecer á cidadanía os servizos básicos. “Consideramos que o Día de Narón, unha data tan sinalada e especial para todas as nosas veciñas e veciños é o idóneo para ofrecer un recoñecemento a esas persoas que se mantiveron na primeira liña ante unha grave pandemia e, ao mesmo tempo, para recordar aos milleiros de persoas que faleceron a causa do coronavirus”, explicou Ferreiro.

A rexedora local proporá formalmente o vindeiro luns, día 27, na Xunta de Portavoces, a celebración deste evento, “para recordar ás vítimas desta grave pandemia e en recoñecemento do intenso traballo, compromiso e a xenerosidade que durante a pandemia desenvolveron os direrentes colectivos de profesionais e voluntarios na nosa cidade para atender ás nosas veciñas e veciños”. Ferreiro explicou que esta convocatoria se celebrará atendendo ás medidas preventivas da Covid-19 que nese momento estean en vigor, para ofrecer as máximas garantías sanitarias ás persoas que acudan a este acto.

“As consecuencias desta crise sanitaria foron moi graves, en primeiro lugar polas vítimas mortais desta pandemia e, tamén, pola repercusión que tivo e continúa xerando nos diferentes sectores e na sociedade en xeral”, indicou Ferreiro. “Sabemos, porque así se demostrou en múltiples ocasións, que a nosa cidade, as nosas veciñas e veciños, son moi solidarios e unha vez máis este feito constatouse co traballo e colaboración que brindaron durante todos estes meses e que continúan levando a cabo para axudar ás persoas que nestes momentos precisan axuda”, apuntou.

Ferreiro asegurou que “aquelas persoas que estiveron á fronte dos sectores que se mantiveron operativos durante o estado de alarma e tamén de servizos necesarios para a cidadanía merecen o noso máximo recoñecemento polo seu labor, por esa dedicación continuada para tratar de paliar os devastadores efectos dunha situación que era nova para todas e todos nós e na que día a día, entre todas e todos, intentamos ir salvando as dificultades que se presentaban e centrar os nosos esforzos en atender á veciñanza que máis o precisaba”. Por este motivo, indicou “cremos que non hai mellor data que o Día de Narón para que reciban esa homenaxe tan merecida e na que tamén recordemos ás persoas que lamentablemente faleceron a consecuencia desta pandemia»

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …