A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou que o Concello retomou a atención presencial no Concello sen cita previa, atendendo a un protocolo deseñado para eliminar o sistema habilitado con motivo da crise da Covid-19 e establecendo un aforo limitado de acceso ao inmoble. “A mellora da situación sanitaria na área de Ferrol permítenos establecer novas medidas organizativas para, pouco a pouco, retomar
actividade normal na administración en canto á atención ás nosas veciñas e veciños, mantendo en todo momento as medidas de seguridade que decreten as autoridades competentes”, explicou Ferreiro
A nova medida, aprobouse por resolución de Alcaldía con data deste luns e permite xa o acceso ao Concello seguindo o protocolo establecido, tal e como indicou a alcaldesa.
“O aforo estará controlado en todo momento pola Policía Local, para evitar aglomeracións de persoas no interior do edificio”, explicou. As persoas que accedan sen cita previa deberán facilitar os seus datos no momento de acceder ao Concello, unha das medidas contempladas no protocolo establecido polo Speis de Narón, para así ter un maior control de cada unha delas en caso de que fose preciso localizalas.
O pasado 9 de maio o Concello retomou o sistema de atención ao público de xeito presencial, establecendo cita previa e cun aforo limitado. A través dunha chamada telefónica cunha extensión propia por departamentos a veciñanza podía solicitar cita para ser atendido presencialmente.
“Ao igual que viñemos facendo ata agora priorizaremos en todo momento a seguridade das persoas e iremos ampliando o aforo para entrar no Concello se a evolución da pandemia o permite, polo que pedimos á cidadanía a máxima colaboración e atención a cada unha das indicacións que lle dará o persoal municipal”, apuntou a alcaldesa.
Ferreiro valorou o traballo realizado polo persoal do Concello incidindo no feito de que “dende o pasado mes de maio seguindo os protocolos establecidos en cada caso, puidemos reabrir o Concello cunhas medidas de seguridade e control moi exhaustivas que nos permitiron retomar a atención presencial con cita previa durante estes meses en todos os departamentos municipais, tanto no Concello como nos Padroados de Cultura e Deportes e seguir ofrecendo deste xeito a atención que precisaban as nosas veciñas e veciños”.