O Concello de Narón destinará 160.000 euros ao contrato dos traballos de desbroce de parcelas municipais non axardinadas durante os dous vindeiros anos, con posibilidade de prórroga. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que “con cargo a este contrato limparanse todas aquelas parcelas municipais que non están incluídas no contrato de mantemento de zonas verdes axardinadas, que se licita a parte”. A maiores dos traballos contemplados neste contrato, o goberno local reforzou o servizo de limpeza viaria con dúas cuadrillas, unha en quenda de mañá e outra de tarde, que se encargan de retirar as herbas das beirarrúas, tal e como recordou a rexedora local.
“En total a superfie sobre a que se realizará o mantemento será de algo máis de 150.000 metros cadrados, repartidos en medio cento de parcelas de diferentes superficies localizadas tanto na zona urbana como no rural naronés”, indicou Ferreiro. Entre os terreos están as inmediacións dos centros cívicos sociais municipais, dos centros de saúde do Val e Pedroso, parcelas no polígono de Río do Pozo, zonas verdes na Gándara e Freixeiro ou inmediacións de escolas infantís municipais ou escolas rurais como a de Pedroso, tal e como se contempla no contrato.
“Os traballos correspondentes a este contrato consisten na retirada da maleza e restrebas, mediante desbroces, así como calquera outro material vexetal que poida representar un perigo de incendio ou facilitar a propagación do lume”, explicou a rexedora local. Dous tractores agrícolas con brazos desbrozadores e desbrozadora de cadeas, desbrozadoras manuais, motoserra e soplador forman parte dos recursos materiais que se empregarán para levar a cabo os traballos, actualmente en execución en varias parroquias do rural naronés.
O importe anual do contrato será de 79.968 euros que durante este 2020 executarase con cargo a 53.312 euros (ata o mes de novembro, xa que decembro se imputará na factura de 2021); ascenderá aos mencionados 79.968 euros o vindeiro ano (de decembro de 2020 a novembro de 2021) e, finalmente, a 26.656 euros para os meses de decembro de 2021 a marzo de 2022, incluído este último.
“A adxudicación do contrato permitiranos continuar mantendo esas parcelas non axardinadas nas condicións óptimas de mantemento e salubridade, ao tempo que minimizamos tanto o risco de incendio como de propagación de lume, no caso de que se rexistrase”, recalcou a alcaldesa.