Persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas de Narón que tiveron que paralizar (suspender) a súa actividade tras decretarse o estado de alarma pola Covid-19 ou que viron reducida a súa facturación polo menos nun 75% son as destinatarias dunha liña de subvencións que porá en marcha o Concello de Narón. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que destacou que se trata “dunha iniciativa máis, a maiores das que xa temos en marcha e das que tamén se poden beneficiar autónomos e empresas, para manter na nosa cidade a actividade económica e, polo tanto, o emprego, polo que queremos facer partícipes ás entidades empresariais, tal e como lles comunicamos con anterioridade, desta proposta, aberta ás súas achegas”. O goberno local trasladou este venres ás asociacións de empresarios –Asociación de Comerciantes Narón, Cofer, AJE Ferrolterra e AEF- e aos grupos políticos da oposición unha guía, aberta ás suxestións que sobre a mesma se poidan achegar, tal e como asegurou Ferreiro, que se comprometeu a analizar a viabilidade das mesmas.
As subvencións serán, avanzou Ferreiro, de 2.000, 3.000 ou 4.000 euros que se abonarán nun pago único. Dirixiranse a persoas físicas ou xurídicas e serán de 2.000 euros para aquelas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou ata dous traballadores/as; de 3.000 para as que conten cun cadro de persoal de entre tres e nove traballadores/as e de 4.000 para as de cadro de persoal de entre 10 e 49 traballadores/as.
“Como o obxectivo destas subvencións é manter o emprego e a actividade das empresas, aquelas beneficiarias deberán cumprir unha serie de requisitos, como manter a actividade pola que foi subvencionada ata o 31 de decembro deste ano e tamén no caso de ter empregados/as manter como mínimo o 50% do persoal declarado”, indicou a alcaldesa.
As empresas que queiran optar a estas subvencións deberán cumprir e xustificar unha serie de requisitos, sendo un deles o feito de ser beneficiario/a da prestación extraordinaria por cese de actividade, con enderezo fiscal e realizar a súa actividade en Narón, así como estar ao corrente do pago das obrigas tributarias e de Seguridade Social e non ter débedas coas administracións.
“Esta liña de subvencións constitúe unha nova vía de apoio ao sector empresarial da nosa cidade, creada co fin de aminorar os efectos negativos derivados da actual situación da crise do coronavirus entre o colectivo tras verse obrigado a paralizar temporalmente a súa actividade ou rexistrar unha perda considerable nos seus ingresos, co que iso supón a nivel económico para os colectivos aos que se dirixen”, subliñou Ferreiro.