O Concello de Ferrol continúa poñendo en marcha medidas co único obxectivo de frear a propagación do Covid-19 entre a poboación. Ao longo do día de onte, operarios da concellería de Obras e Servizos, que dirixe Ana Lamas, executaron o cambio do sistema de funcionamento dos semáforos da cidade que ata agora regulaban o paso de peóns polos pasos de cebra mediante a pulsación dun botón. O fin é evitar o contacto de elementos comúns entre a cidadanía para frear así a propagación da pandemia.
Deste modo, unha parte destes dispositivos pasarán a funcionar mediante o sistema de ámbar permanente. Serán os da avenida de Esteiro, á altura da circunvalación; os das estradas de Catabois e Xoane, nas inmediacións dos colexios respectivos, e dos do Bertón.
O resto de dispositivos con pulsador funcionan desde onte mediante regulación fixa, é dicir, cambiando independentemente da presenza de peóns esperando para cruzar. Son os da intersección entre as avenidas de Esteiro e Vigo e o do Espiño.
Reducir tamén os pequenos contactos
A concelleira de Obras e Servizos explicou que ademais da limpeza e desinfección en profundidade con hipoclorito sódico —solución que combinada con auga resulta lixivia— que se está levando a cabo na cidade desde que comezou a alerta sanitaria, o Concello “pon todos os seus esforzos” en evitar a propagación do Covid-19 entre a cidadanía “eliminando tamén os pequenos contactos”, como é, por exemplo, “a pulsación dos botóns dos semáforos para poder cruzar o paso de peóns”. O “noso obxectivo é”, dixo Lamas, “protexer ao máximo aos nosos veciños”.