A Policía Local vixilará as obras municipais suspendidas durante o estado de alarma

As obras municipais que foron paralizadas provisionalmente esta semana por mor do estado de alarma, ao non ser consideradas actividades esenciais polo Goberno, contarán coa vixilancia da Policía Local logo de que os edís de Urbanismo, Julián Reina, e de Seguridade, Germán Costoya, así o decidiran. Ambas concellerías colaboraron na organización dun dispositivo de control que levarán a cabo patrullas do corpo de seguridade municipal, que realizarán frecuentes visitas a Recimil, onde se están a levar a cabo os traballos de rehabilitación das envolventes de edificios nas rúas 10 de Marzal e Narón; á praza de Armas, onde a actuación encaraba xa os seus últimos días no momento do parón; á rúa alegre (aparcamento de Canido), e á parcela da antiga Fenya, na que se estaban a reparar as deficiencias que provocaron o derrubamento do muro de contención e o desprazamento do terreo cara a parcela contigua.

A decisión de que os axentes se acheguen periodicamente ás obras ten como obxectivo evitar calquera tipo de prexuízo ás adxudicatarias derivado do confinamento e da imposibilidade de ter persoal in situ para que vixíe estes puntos, nos que se acumulan tanto materiais coma diversa maquinaria. Foron varias das propias empresas as que se puxeron en contacto co Concello para consultarlle sobre a posibilidade de controlar directamente eses espazos, pero dende o goberno local decidiuse que, para que os traballadores cumprisen co deber de permanecer nos seus domicilios, serían axentes locais os que encargasen de supervisalas e de notificar calquera incidencia ou situación que se puidese rexistrar.

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …