A edil de Benestar Social do concello de Narón, Catalina García, valorou a xuntanza que o pasado martes se convocou no Pazo da Cultura para que técnicos da Deputación da Coruña explicasen as liñas de subvención abertas pola citada administración e dirixidas a diferentes entidades e asociacións. García, que presentou e moderou as intervencións, explicou que “preto de medio cento de asociacións culturais, deportivas, veciñais, sociosanitarias e de servizos sociais acudiron á convocatoria na que recibiron información sobre as subvencións e tamén tiveron a oportunidade de solventar dúbidas e plantexar posibles melloras na tramitación das mesmas ou á hora de xustificalas”.
A concelleira naronesa agradeceu a colaboración dos técnicos da administración provincial desprazados á cidade con motivo desta convocatoria e tamén o feito de que “tomasen nota dalgunhas deficiencias que se plantexaron na xuntanza á hora de tramitar este tipo de subvencións, comprometéndose a implementar melloras na plataforma a través da que se xestionan”.
Así mesmo, García tamén destacou “a celeridade coa que a deputada Ana Lamas atendeu a petición para poder celebrar esta xuntanza coas entidades de Narón e o seu compromiso de convocar na cidade unhas xornadas formativas sobre as subvencións da Deputación o vindeiro ano”.
Finalmente a concelleira de Benestar Social agradeceu a resposta de todas as persoas que acudiron á xuntanza celebrada no Pazo e recordou que as persoas interesadas en acceder a estas subvencións poden consultar a web da Deputación da Coruña, no enlace: https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/publica/infoconvocatorias?ejercicio=2020.