Tras estrear o Concello no mes de novembro a licitación electrónica para presentar ofertas na Plataforma de Contratación do Sector Público, o número de empresas que presentan ofertas para executar proxectos na cidade multiplícase por tres. Así constatouse na concellería de Urbanismo, que dirixe o tamén edil de Infraestruturas e Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, CRI e Organización Interna, Julián Reina.
Ata a incorporación do novo procedemento, os proxectos publicados na plataforma recibían unha media de entre 3 e 5 firmas interesadas, pero desde o momento da modernización do proceso “son moitas máis as empresas que se animan a participar nos proxectos para Ferrol, en torno a 15”, detallou o concelleiro responsable de Contratación. O departamento confirma que tamén incrementouse o mapa de procedencia das compañías, chegando agora ofertas de varios puntos do territorio español. “Sen dúbida, a licitación electrónica facilita que empresas de distintos puntos do país presenten as súas propostas”.
O 20 de febreiro de 2018, os expedientes de contratación do Concello pasaronde publicarse na web municipal á Plataforma de Contratos de Galicia, que non ofrecía o servicio electrónico. Foi o 9 de xullo dese mesmo ano cando comezaron a estar dispoñibles na Plataforma de Contratación do Estado, ferramenta que xa contaba coa posibilidade de licitar electrónicamente. A incorporación do Concello de Ferrol nese proceso foi unha das prioridades do concelleiro Julián Reina, precisamente motivado pola apertura dos procesos a mais empresas, e que logrou a principios de novembro. Co novo proceso, dixo, “se abre a porta ao século XXI para este tipo de procedementos”.
A primeira mesa de contratación electrónica tivo lugar o pasado 2 de decembro. As ordinarias celébranse cada luns, ás 11 horas.