O Concello e o Club Atletismo Narón organizan o Trofeo Internacional Cidade de Narón de campo a través

Miguel Soto e José Oreona en rolda de prensa | Concello de Narón

O Concello organiza co Club Atletismo Narón o “I Trofeo internacional Cidade de Narón de campo a través”, que se disputará coincidindo co LXXXV Campionato de Galicia absoluto de campo a través. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá o evento acompañados por Miguel Soto, presidente do Club Atletismo Narón. A cita terá lugar este domingo, día 9, no paseo marítimo de Xuvia a partir das 10.30 horas, e ata as 14.00 horas aproximadamente. Ferreiro animou á veciñanza a anotarse nesta convocatoria, podendo facelo ata o vindeiro venres, día 7, ás 23.59 horas a través da páxina: www.carreirasgalegas.com.

A convocatoria desenvolverase nas categorías Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16, Sub 18, Sub 20 masculina e feminina, Sub 23 masculina e feminina, e adultos tamén masculina e feminina. As inscricións teñen un custo de 3 euros para as categorías Sub 23 e adultos, mentres que as de Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16, Sub 18 e Sub 20 teñen un custo dun euro. As distancias a percorrer irán dende os 1.000 metros aproximadamente da categoría Sub 10 (nados 2011-2012) ata os 10.000 metros das de Sub 23 e adultos masculinas e femininas. Os tres mellor clasificados de cada categoría dende Sub 10 ata adultos, masculina e feminina, recibirán un trofeo. Así mesmo, na clasificación absoluta premiarase con 100, 75 e 50 euros ao primeiro, segundo e terceiro mellor clasificados nas cateogorías masculina e feminina. A maiores, as tres entidades con maior número de inscritos nesta convocatoria deportiva nas categorías de menores –dende Sub 10 ata Sub 20- recibirán como premio material deportivo (valorado en 100, 75 e 50 euros, respectivamente do primeiro ao terceiro).

O presidente do Club Atletismo Narón agradeceu a colaboración do Concello e o asesoramento da Federación Galega de Atletismo, asegurando que “é un pracer retomar esta disciplina porque sabemos que hai uns anos na comarca o campo a través foi referente en Galicia e é unha proposta dende o club cun trazado que irá por zonas naturais e que se poderá ver nun entorno natural”. O Campionato de Galicia é a parte absoluta, coas carreiras Sub 20, Sub 23 e adultos que serán de forma conxunta indicou. “queríamos meter esa promoción que estamos levando a cabo cos colexios, donde xa falamos con máis de 2.000 escolares para que poidan participar nesta disciplina”, apuntou Soto.

Finalmente Ferreiro destacou o traballo que na área de deportes en xeral e do atlestimo en particular se está levando a cabo na cidade e valorou o labor do Club Atletismo Narón, ao que desexou moitos éxitos nesta tempada. Así mesmo a alcaldesa fixo un chamamento á participación para que este evento se consolide no calendario deportivo da cidade.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …