O Concello e voluntarios plantarán 35 árbores na cidade para dar cumprimento ao terceiro premio de A Rúa É Túa

Instante da reunión | Concello de Ferrol

Os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e de Medio Ambiente, Ana Lamas, mantiveron onte unha reunión con técnicos municipais e o representante da asociación Xeración, Francisco Sequeiro, para pechar os últimos detalles da actividade coa que se dará cumprimento ao terceiro premio do concurso A Rúa É Túa. Consistirá na plantación de 35 árbores en diferentes espazos da cidade. Reina, indicou durante o encontro que proxectos coma este que partiu de Xeración son importantes para “crear un debate sobre a necesidade de mellorar e incrementar as zonas verdes das cidades”. Reina explicou que por ese motivo prestou especial atención a esta actividade e tratou de incrementar os obxectivos iniciais.

De parte dos exemplares, os de maior porte, encargarase o Concello a través da empresa de mantemento de xardíns. Plantaranse entre os días 20 e 24 deste mes. Da plantación do resto das árbores, máis manexables por ser de menor tamaño, encargaranse voluntarios que reunirá Xeración para que leven a cabo este traballo na mañá do sábado día 25. Para esa data tamén está programada na Aula de Ecoloxía Urbana unha charla-coloquio que comezará ás 11.00 horas. Versará sobre a importancia do arboredo urbano e estará aberta ao público en xeral. Será logo desta conferencia cando os participantes se desprazarán aos diferentes espazos nos que se asentarán as árbores. Será ás 12.30 horas.

O Concello realizará a plantación de seis robinias na Travesía de Irmandiños, cinco arces en Río Xubia e tres bidueiros na rúa Sartaña. Para os voluntarios reserváronse cinco arces máis en Río Xubia, oito prunus nunha parcela xunto ao Auditorio de Ferrol e outros oito exemplares desa mesma especie na mediana de Telleiras.

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …