A terceira xornada da campaña “Educando no Lecer” terá lugar a noite do fin de ano na rúa Magdalena

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social que dirixe Eva Martínez, continúa coa campaña “Educando no Lecer”, unha iniciativa que nace co obxectivo de combater o botellón e reducir o consumo de drogas entre os mozos. Tras dúas intervencións no Cantón os días 5 e 20 de decembro, mañá martes, a noite do fin de ano, terá lugar a terceira. Nesta ocasión a carpa instalarase na rúa Magdalena esquina con Concepción Arenal.

Trátase da primeira vez, segundo explica a edil responsable, que se realiza unha intervención destas características un 31 de decembro “tendo en conta o consumo de alcol dese día”. O programa, impulsado polo goberno local en colaboración con Asfedro (Asociación Ferrolana de Drogodependencias), contempla os servizos de análise de substancias, o subministro de información sobre os riscos do consumo de drogas e a repartición de auga, petiscos e sacas de lixo. Dos educadores sociais e varios voluntarios atenderán aos mozos que se acheguen á carpa.

Martínez Montero lembrou que “tomar determinadas substancias é un comportamento arriscado que pode comportar consecuencias negativas” e resaltou que o “éxito” da campaña nas anteriores intervencións pon de manifesto que a concellería de Benestar Social ten unha “importante demanda social” ante o que é un “problema moi serio, o consumo de drogas entre menores”. A próxima xornada terá lugar o 5 de xaneiro de novo no Cantón de Molíns.

Festa para despedir 2019 e recibir o ano 2020

A Festa de Fin de Ano prevista para mañá, 31 de decembro, na Carpa do Nadal do Cantón comezará ás 23.30 horas coa actuación dun animador e repartiranse 200 cotillóns. Ás doce conectarase coas badaladas e haberá música ata as catro da mañá.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …