O Concello de Narón colabora no I Torneo de fútbol sala femenino José Veiga, organizado por A Fervenza

José Veiga e José Oreona en rolda de prensa | Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, José Oerona, e o presidente do Comarcal A Fervenza, José Ángel Veiga, presentaron esta mañá a primeira edición do “Torneo de Fútbol Sala Feminino base José Veiga Narón 2020”. A cita será o vindeiro sábado, día 4, no pavillón municipal das Lagoas, a partir das 09.00 horas e durante todo o día, estando prevista a entrega de premios para as 21.30 horas. No torneo disputarán a categoría alevín o equipo anfitrión, A Fervenza F.S.F.; Viaxes Amarelle F.S.F, de Santa Comba, o F.S. Ribeira e Lago Sport, de As Pontes; mentres que na infantil xogarán tamén o anfitrión, A Fervenza, o Fútbol Sala Ribeira; a Escola Futsal Morrazo; o Club Deportivo Burela Fútbol Sala, tal e como indicou Oreona.

José Ángel Veiga, “El abuelo”, fundador e actual presidente de A Fervenza F.S.F. ten na actualidade 70 anos. Comezou adestrando a un equipo feminino en O Parrulo (Ferrol) a un grupo mixto do que formaban parte sete nenas no ano 2006, e no 2007 fundou A Fervenza e, tal e como indica, creou o escudo do equipo, actualmente en vigor. “É a miña paixón e tamén a paixón das rapazas e dos seus pais e nais”, asegurou, recordando que “en doce anos levamos a doce rapazas á Selección Galega de Fútbol Sala”. O club A Fervenza conta actualmente con 87 rapazas, as de menor idade de tres anos.

Veiga destacou a colaboración e implicación do concello naronés co deporte e, en particular, co feminino, destacando o apoio e as facilidades prestadas para celebrar este torneo na cidade.

O concelleiro de Deportes de Narón destacou a traxectoria do club A Fervenza e tamén o traballo que durante todos estes anos desenvolveu José Veiga. “Unha persoa apaixoada do mundo do deporte, que aínda hoxe en día continúa na primeira liña e traballando arreo con este club e co deporte en xeral”, subliñou Oreona. O edil animou á veciñanza a desprazarse o vindeiro sábado ao pavillón municipal das Lagoas para ver este torneo ao que desexou “moitas máis edicións, que de seguro virán”.

Lea también

Inaugurado oficialmente, este jueves, Equiocio Ferrol 2025

El certamen hípico y de ocio familiar acogió en la tarde de este jueves el …