O Padroado da Cultura de Narón programa unha vintena de espectáculos para o primeiro trimestre de 2020

O Padroado da Cultura de Narón aprobou a programación correspondente ao primeiro trimestre do vindeiro ano do Pazo da Cultura. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade da programación dos espectáculos que se poderán ver entre os meses de xaneiro e marzo no Pazo da Cultura de Narón. “Trátase de máis dunha vintena de propostas, entre elas unha nova edición do Festival do Monólogo Teatral Singular, dirixidas a todo tipo de públicos e con artistas de primeiro nivel, unha oferta que constata un ano máis a firme aposta que o Concello de Narón realiza a través do Padroado da Cultura por esta área na nosa cidade”, destacou Ferreiro. A alcaldesa avanzou que o vindeiro 28 de decembro poranse á venda para a cidadanía en xeral as entradas para estes espectáculos. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas (Redelae) colaboran co Padroado da Cultura de Narón nesta programación.

En xaneiro

A primeira das citas programadas para o primeiro trimestre de 2020 no Pazo será o sábado 11 de xaneiro, cando a compañía Bucanero se subirá ao escenario coa comedia “Sesión continua”, unha homenaxe ao mundo do celuloide a través de diferentes películas que dará comezo ás 20.00 horas.

O domingo día 12 será o turno da compañía Entremáns, que traerá unha proposta –a segunda infantil- de danza contemporánea, “Gaia”, unha peza didáctica para público familiar e infantil (a partir de 3 anos), dende as 18.00 horas.

O sábado 18 será o turno de “Metalmanía-Family Sessions”, o tributo máis veterán –con case 20 anos de experiencia sobre os escenarios e máis de 600 concertos- á banda Metallica, cunha gran posta en escena e que comezará ás 17.30 horas.

O domingo 19 de xaneiro a compañía Talía Teatro representará a comedia “Lambetadas”, a partir das 18.00 horas, dirixida a público familiar e infantil (a partir de 6 anos) para a transmisión da cultura galega, protagonizada por dous excéntricos personaxes.

O “X Aniversario Noites de retranca”, o espectáculo de humor galego máis visto na historia do teatro do país, chegará o día 24 de xaneiro ao Pazo e no que intervirán Rober Bodegas, Manuel Manquiña e Oswaldo Digón dende as 21.00 horas.

A programación continuará o sábado 25 coa comedia “O electo”, dirixida por Cándido Pazó e con Manu Baqueiro e Antonio Mourelos no elenco, da compañía Contraproducións -20.00 horas- e que aborda a historia dun recén elixido presidente da Xunta que ten problemas á hora de pronunciar o seu discurso de investidura.

O venres 31 pechará a programación de xaneiro Aracaladanza, co espectáculo de danza contemporánea “Play”, unha festa que contaxia alegría e comparte divertimento -18.00 horas-, para público familiar e infantil (a partir de 4 anos).

En Febreiro

No mes de febreiro, o día 1 tamén haberá teatro, nesa ocasión a cargo da compañía Teatro del Temple, que representará outra comedia, “Don Quijote somos todos”, ás 20.00 horas, sobre a historia dun pobo da Mancha que non quere desaparecer.

O día 7 poderase ver ás 21.00 horas un tributo a “Héroes del silencio”, unha das bandas de rock máis importantes de todos os tempos.

O día 8 será o turno da compañía Pentación Espectáculos, que traerá a Narón unha obra dirixida a público adulto, “Esperando a Godot”, un clásico do século XX no que intervirán os actores Pepe Viyuela e Alberto Jiménez, entre outros actores, que poderá verse ás 20.00 horas.

Continuará a programación o día 15, sábado, -20.00- co espectáculo “Ana, también a nosotros nos llevará el olvido, un drama de Unahoramenos Producciones protagonizado por un ama de casa convencional da España dos anos 60, dirixido a público adulto.

E o día 16 cunha proposta para público familiar e infantil -18.00- a cargo da compañía Galitoon,The show Moscón”, un circo ambulante de “varietés” que presenta un moscón repoludo.

A última proposta do programa para o mes de febreiro correrá a cargo de Teatro do Atlántico, que o venres 28 -20.30- e o sábado 29 -20.00- representará a obra dramática “A conquista da escola de Madhubai”, unha estrea na que unha bandida é perseguida pola policía e o exército acusada de asasinar a máis de trinta homes que a violaron tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada. O elenco artístico desta obra está integrado por María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi.

En marzo

A compañía Eme2 Emoción&Arte abrirá a programación do mes de marzo no Pazo, concretamente o día 1, con “Contacreques”, un espectáculo poético e moi divertido para público familiar e infantil (a partir de 3 anos) -18.00 horas- con textos baseados en tres contos clásicos: El Ruiseñor, Garbancito e El zapatero y los duendes.

Haberá tamén en marzo outras dúas propostas para público familiar e infantil, “Xurásico perdido”, de Títeres Cachirulo, o día 15 -18.00-, protagonizado polo famoso arqueólogo Florentino Amechuino, e “Contos ao pé da cama”, de Viravolta Títeres, o día 29 -18.00-.

O mes de marzo acollerá tamén unha nova edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que se desenvolverá entre os días 7 e 28 do citado mes. Abrirá o programa a compañía Pentación Espectáculos, o día 7, coa obra “Señora de rojo sobre fondo gris”, con José Sacristán e continuará o día 13 Teatro do Atlántico, con “Helena: xuízo a unha lurpia” e o día 14 con Teatro Andante, que representará “Olympia”. As seguintes propostas deste festival correrán a cargo das compañías Deuve, coa obra “Guerra de identidade”, o día 20; Teatro del Barrio, con “Autorretrato de un joven capitalista español”, o día 21, e a compañía Iria Sobrado, con “O estado cru”, na xornada do día 27 de marzo, para pechar o ciclo o día 28 a compañía Nueve Norte con “La ciudad de las damas”.

A maiores das representacións este festival incluirá unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais” o día 13 de marzo e un curso sobre “Festival Mueca. Unha experiencia de gestión coparticipada”, o día 14, entre outras actividades.

 

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …