A sala de comisións do pazo municipal acolleu esta mañá a primeira sesión de licitación electrónica que celebra a Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol. A orde do día incluía a apertura das ofertas e o acto de valoración referidas ao expediente do aglomerado do camiño das Cabazas, que o pasado 7 de novembro estreaba o novo procedemento de licitación na Administración local ferrolá. O prazo de presentación de ofertas para esta obra, a última que se tramita do POS 2016, rematou o pasado venres, 27 de novembro.
Para esta primeira ocasión, instaláronse na sala varios ordenadores cos que poder levar a cabo todo o proceso baixo a supervisión do Centro de Recursos Informáticos municipal. O concelleiro Julián Reina explicou que este cambio supón que o sistema de contratación do Concello se adapte por fin ás novas tecnoloxías e á Lei de Contratos do Sector Público. Ao mesmo tempo, implica un paso máis no “obxectivo de papel cero” e redundará nunha “maior transparencia” deste tipo de procesos.