25 N en Narón, Pontedeume e Cariño

EN NARÓN

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, e representantes dos partidos políticos da corporación local desprazáronse ao mediodía deste luns á Praza da Gándara para participar no acto oficial organizado polo Concello con motivo do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero. A convocatoria incluíu varias propostas nas que participaron alumnado e profesorado do colexio Santiago Apóstol, representantes de asociacións e outras veciñas e veciños da cidade.

A alcaldesa e a edil de Igualdade agradeceron a participación de todas as persoas que se sumaron ao acto, no que alumnado do Santiago Apóstol colocou unhas cintas de cor lila con mensaxes a favor da igualdade e contra a violencia nunha celosía; interpretaron e leron un conto sobre a Igualdade protagonizado por unha princesa da Igualdade, leron mensaxes contra a violencia e, os de menor idade, amosaron a pancarta realizada a prol da Igualdade. Unha representación das mulleres que realizaron cursos de Igualdade tamén interviñeron no acto, lendo frases sobre a igualdade.

Marián Ferreiro dirixiuse aos presentes para recordar ás vítimas da violencia de xénero. “Vítimas inocentes dunha lacra social que temos que erradicar entre todas e todos e, para avanzar cara a ese ansiado obxectivo, dende o Concello sumámonos un ano máis á campaña “En Negro contra as violencias”. No manifesto do 25N a alcaldesa da cidade recordou as 51 mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas e condenou a violencia en xeral e a de xénero en particular. “Sabemos que a morte é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres”, indicou, incidindo na importancia da prevención e reiterando o compromiso do Concello de Narón na loita contra a violencia de xénero.

EN PONTEDEUME

Masiva asistencia á concentración polo Día Internacional contra a Violencia Machista, cos rapaces e rapazas de ESO do IES Breamo e o IES Fragas do Eume.

Esta xornada e a campaña ‘En Negro contra as Violencias’ ten como obxectivo facer un chamamento á reflexión, dando visibilidade ao rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

Na praza Real, deuse lectura ao manifesto institucional para comprometer a todos os poderes públicos nesta loita, e tamén para falar da necesidade real de comprometer a cada un de nós, mulleres e homes, membros activos dunha sociedade que camiña cara a igualdade real.

EN CARIÑO
O Concello de Cariño levou a cabo este luns o acto institucional para conmemorar o Día Contra a Violencia de Xénero. En fronte á casa do concello tanto o alcalde, José Miguel Alonso Pumar, como o alumnado do CEIP e do IES leron senllos manifestos nos que se condenaba todo tipo de violencia machista e mostrábase a repulsa a este tipo de comportamentos.
Paralelamente ao acto; no que participaron representantes da corporación municipal, o alumnado dos centros educativos e veciños e veciñas do municipio; durante o traxecto ata a casa do concello os alumnos e alumnas foron pintando lemas contra a violencia de xénero nos pasos de peóns.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …