A concelleira de Turismo, María Teresa Deus, acudiu esta mañá ao primeiro Festival Escolar do Camiño Inglés que acolle a cidade, unha iniciativa impulsada por la Fanpa Ferrolterra na que colabora o Concello de Ferrol. Trátase dun dos proxectos do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
O festival, que comezou onte e remata hoxe no porto de Curuxeiras, ofrece obradoiros, sesións de arte en directo e degustacións. Entre os dous días, pasarán pola carpa uns 5.000 escolares dos distintos centros escolares participantes no programa.
A responsable municipal de Turismo visitou o festival xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a presidenta da Fanpa Ferrolterra, Patricia Pérez, o presidente da Autoridad Portuaria Ferrol-San Cibrao, José Manuel Viñariño, e o concelleiro do PP Alejandro Padilla.
Deus aproveitou a presenza do responsable autonómico para trasladarlle o seu interese por manter unha reunión na que abordar dous importantes asuntos, segundo explicou. Por unha banda, impulsar os obxectivos tratados no recentemente creado Grupo de Traballo do Camiño Inglés, convocado esta mesma semana polas concelleiras Deus e Eva Martínez, de Patrimonio Histórico. Por outro, “analizar o estado” no que se atopa a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco.