O Pleno municipal aprobou por unanimidade a autorización para as obras da terceira fase das beirarrúas da Cabana

Instante dun pleno | Adán Puentes

O Pleno ordinario celebrado hoxe no pazo municipal aprobou por unanimidade a autorización das obras a realizar pola Deputación conforme á terceira fase do Plan de Travesías en Serantes (DP 3612). Os traballos suporán un importante investimento, de 767.577,50 euros, dos que 547.135,10 procedentes da Deputación da Coruña se destinarán á execución das obras e 220.442,40 euros que serán achegados polo Concello de Ferrol para o pagamento das expropiacións necesarias.

A terceira fase inclúe a construción dunha travesía mediante a ampliación da plataforma, execución de beirarrúas e aparcadoiro no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1.180 e 1.640 de la travesía DP 3612, é dicir, entre a intersección coa estrada a Valón e o parque da Cabana, onde se construirá unha rotonda.

O pleno aprobou tamén por unanimidade a adhesión do Concello de Ferrol ao convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP sobre a historia social única electrónica (HSUE), unha ferramenta que reúne toda a información dispoñible sobre os usuarios dos servizos sociais.

De igual modo, o pleno aprobou os borradores das actas das sesións anteriores, correspondentes ás celebradas o 11 de xullo e o 24 de xullo de 2019 e deu conta das resolucións dictadas pola Alcaldía e os seus delegados no período comprendido entre os días 15 de xullo de 2019 e 14 de agosto de 2019. O pleno deu conta da Resolución da Alcaldía de 24 de xullo de 2019 relativa á modificación da composición das comisións informativas.

Na área de Recursos Humanos, o pleno deu conta da aplicación do réxime de dedicación parcial sen responsabilidade de goberno a Jorge Suárez e Iván Rivas. Na área de Tesorería, o pleno deu conta do informe de morosidade e do PMP (Período Medio de Pago) correspondente ao segundo trimestre do ano de cumprimento de prazos.

En canto á área de Facenda, o pleno de hoxe, cos votos a favor dos representantes do PSOE e Ferrol en Común, 2 en contra do BNG e 12 abstencións do PP, acordou a aprobación definitiva da ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributario correspondente ao servizo de subministración de auga potable. Na área de Intervención, hoxe deuse conta da desestimación das alegacións formuladas por Urbaser á auditoria dos exercizos 2015, 2016 e 2017.

O pleno tamén aprobou cos votos a favor dos representantes do PSOE e Ferrol en Común e 14 abstencións de PP e BNG o expediente de omisión de fiscalización previa da relación de facturas. Cos votos a favor do PSOE e Ferrol en Común, 2 en contra do BNG e 12 abstencións do PP aprobouse a proposta do Plan Económico Financeiro do Concello de Ferrol para os exercizos 2019-2020. De igual modo, deuse conta das novas delegacións especiais relativas ó proxecto Edusi “Ría de Ferrol Cidade 2020”. A partir de agora, a concelleira Maite Deus ocupará o cargo de coordinadora e o concelleiro Antonio Golpe o de xestor.

Na sesión tamén se deu conta das resolucións de Alcaldía en virtude das cales o portavoz do grupo municipal de Ferrol en Común, Jorge Suárez, e do BNG, Iván Rivas, gozarán de senllas dedicacións parciais sen responsabilidade de goberno

Por último, o pleno deu conta das vítimas mortais por violencia de xénero dende o 1 de xaneiro ata 19 de agosto do 2019.

Lea también

Llega a Ferrol la exposición Promoción de actuacións financiadas cos fondos europeos

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz, ha inaugurado en la mañana de este viernes …