O número de persoas atendidas nas oficinas de turismo de Ferrol aumentou en xullo un 10,37 % respecto ao ano pasado

Este xullo foron atendidas nas dúas oficinas de turismo de Ferrol 4.140 persoas, un 10.37 % máis que no mesmo mes do 2018, cando a cifra foi de 3.751. Segundo datos facilitados pola Sociedade Mixta de Turismo, algo máis dun tercio, un 34,96 %, pasaron polo menos unha noite na cidade. Unha proporción similar representou o número de peregrinos, 1.425 (o 34,42 %). Un 10,1 % de todos estes turistas volvían a Ferrol tras elixilo como destino en anteriores ocasións.

No 71,71 % dos casos tratábase de españois, mentres que os estranxeiros foron o 22,13. Por comunidades autónomas, os lugares de procedencia máis salientables foron Madrid (31,9 %), Andalucía (13,48), Galicia (8,45), Castela-León (7,35), Cataluña (5,19), Valencia (4,8), País Vasco (4,7), Castela-A Mancha (4,13) e Asturias (3,95). En canto a países de orixe dos estranxeiros, os máis destacados foron Italia (27,35 %), o Reino Unido (10,28), Alemaña (10,17), Francia (8,64), Portugal (7), Estados Unidos (5,8) e Arxentina (3,06).

Os principais intereses destes visitantes foron o patrimonio (52,72 %), a natureza e as praias (22,22), as rutas polas Rías Altas (20,38), os eventos culturais (12,5), a gastronomía (8,99), as festas (7,38) e o turismo activo (3,95).

A concelleira responsable da área de Turismo, María Teresa Deus, valorou moi positivamente este incremento e lembrou o compromiso do goberno municipal de mellorar a promoción da cidade en aspectos como o patrimonio, a oferta dos museos, a cultura, o deporte e a natureza, ademais de marcarse o Xacobeo 2021 como unha oportunidade para consolidar o Camiño Inglés.

Lea también

Decenas de personas se movilizan en Ferrol para exigir «un servicio ferroviario del siglo XXI»

Varias decenas de personas, entre ellas representantes de todos los partidos políticos, se han congregado …