O Concello de Ferrol acaba de poñer en marcha un grupo de traballo de cara á celebración do Día das Letras Galegas 2020, que estará dedicado a Ricardo Carvalho Calero. En días pasados, a concelleira María Teresa Deus mantivo unha primeira reunión con persoal técnico municipal, co obxecto de facer unha primeira aproximación á figura do ilustre ferrolán.
A edil lembrou as iniciativas de anteriores corporacións municipais, como o nomeamento de Carvalho Calero como fillo predilecto de Ferrol en 1990 ou os distintos eventos cos que se conmemorou no 2010 o centenario do seu nacemento. Tamén o traballo de diferentes organismos, entidades, institucións, asociacións, centros de ensino e persoas que tanto no eido local como no comarcal teñen loitado durante anos para acadar o que por fin o ano que vén se converterá en realidade.
O obxectivo desta primeira cita foi identificar todos aqueles recursos do patrimonio municipal relacionados con Carvalho Calero cos que contan as distintas áreas do Concello, así como recoller as diversas aportacións técnicas sobre actuacións que se poden desenvolver arredor da súa figura.
Desde o Concello escoitaranse e teranse en conta, ademais, outras propostas que colectivos e entidades desexen facer para converter esta celebración nun motivo de orgullo para toda a cidadanía, para que teña unha proxección ampla e transversal e que todas as persoas de Ferrol coñezan a obra dun ferrolán universal e poliédrico, que foi funcionario municipal, escritor, ensaísta e catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.