Miriam Casillas disputa esta fin de semana as Series Mundiais de Edmonton coa vista posta no longo camiño olímpico ata poder clasificarse para Toquio.
Actualmente no top-50 do mundo, a pacense do Triatlón Ferrol medirase de novo á elite internacional.
Despois do seu cuarto posto na Copa do Mundo de Tiszaujvaros, Casillas ascendeu cinco posicións no ranking de clasificación olímpica, achegándose ao top-30, que sería o segundo criterio de selección marcado pola Federación Española. A pesar do bo papel da estremeña ata o de agora, Anna Godoy está a só catro postos de Casillas no ranking olímpico, polo que se augura unha loita sen descanso ata 2020 entre as españolas.
As Series Mundiais de Edmonton celebraranse na madrugada do sábado ao domingo –en horario español-, quedando para o día seguinte a proba por relevos mixtos para a que podería ser convocada Casillas.