O Concello de Narón, acolleu ás 18.00 horas, deste xoves, día 27, un pleno extraordinario no que se designaron as delegacións de cada concelleiro, as tenencias de Alcaldía e a composición da Xunta de goberno local, entre outros puntos incluídos na orde do día. O equipo de goberno liderado por Marián Ferreiro na cidade estará integrado por trece persoas, tras rubricarse na xornada de onte o acordo de goberno entre TEGA e PSOE.
Delegacións
Os concelleiros de TEGA ostentarán as delegacións de Urbanismo, Patrimonio e Bens Inmobles que presidirá Manuel Ramos; Formación, Turismo, Novas Tecnoloxías e Ocio e Festexos, para Natalia Hermida; Obras Públicas, Recursos Humáns, Mocidade e Lecer, de Pablo Mauriz; Servizos, de Ibán Santalla; Seguridade Cidadá, Speis e Facenda, de Román Romero; Cultura, área que ostentará Guillermo Sánchez Fojo; Deportes, para José Oreona; Igualdade, Estatística e Transporte Público, para Mar Gómez, e Cooperación no Ensino e Bibliotecas, para Mercedes Taibo.
En canto ás delegacións dos tres edís socialistas, o portavoz, José David Pita, farase cargo da área de Promoción e Xestión de polígonos industriais, Promoción Económica e Infraestruturas Públicas; Catalina García de Participación Cidadá e Benestar social, e Santiago Galego de Sanidade, Medio Ambiente e Feiras e Mercados.
Xunta de goberno
A primeira tenencia de Alcaldía será para o edil Guillermo Sánchez Fojo (TEGA), a segunda para José David Pita (PSOE) e a terceira para Manuel Ramos (TEGA). A Xunta de goberno local estará integrada por Guillermo Sánchez Fojo, José David Pita, Manuel Ramos, Román Romero, Mercedes Taibo, Mar Gómez e José Oreona.
Así mesmo, na sesión plenaria quedaron nomeados os portavoces das catro formacións políticas que integran a corporación local, sendo a de Terra Galega para Román Romero; a do PP para Germán Castrillón, a do PSOE para José David Pita e a do BNG para Olaia Ledo.
Representacións
A continuación procedeuse a nomear aos representantes do Concello nos diferentes organismos e entidades. A alcaldesa, Marián Ferreiro, será a representante ante a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol; Santiago Galego estará na Comisión de Participación Cidadá da estrutura da Área Sanitaria de Ferrol; Manuel Ramos na de deslinde entre os concellos de Narón e Valdoviño; e no Consello de Administración de Cosma estarán a alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís Ibán Santalla, Germán Castrillón, José David Pita e Olaia Ledo. En canto ás presidencias das Comisións, Manuel Ramos ostentará a de Obras, Urbanismo e Servizos; Guillermo Sánchez Fojo a de Desenvolvemento da Actividade Social e Igualdade; e Román Romero a de Contratación, Persoal e Especial de contas.
Na Fundación Parque Científico Tecnolóxico e na Mesa Local do Comecio de Narón estarán Marián Ferreiro e José David Pita; na Fundación Terra de Trasancos Marián Ferreiro; no Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 22, José David Pita; no Grupo de Acción Local Pesqueiro Golfo Ártabro, Manuel Ramos; no Eixo Atlántico, Catalina García, e en Cruz Vermella, Santiago Galego.
Nomeáronse tamén os representantes nos Padroados de Cultura e Deportes, nos Consellos Escolares, e noutros organismos, así como nos Consellos Territoriais de Participación Cidadá.
Toma de posesión
No pleno celebrado na tarde deste xoves tomou posesión da súa acta como concelleiro Marcos López Balado (PP), que non acudiu á sesión plenaria celebrada o pasado 15 de xuño de investidura da alcaldesa, Marián Ferreiro, e toma de posesión da nova corporación local.
Finalmente, aprobouse a proposta de determinación do persoal eventual do Concello.