Na mañá do xoves 16 de maio, Marea de Ferrol xuntouse coa Asociación Diversidade Funcional Diverfec. Unha vez máis, «puidemos constatar o desleixo da xestión municipal dos últimos anos».
Entre outras moitas cousas, o colectivo demanda que se leve a cabo a tramitación e aprobación da ordenanza municipal de accesibilidade para a vida independente. «Resulta imprescindible cumprir a lexislación vixente, que se vulnera sistematicamente en cuestións tan fundamentais como a accesibilidade no transporte público, nas paradas de autobús, nos parkings, nos equipamentos municipais de todo tipo (cultural, deportivo…), ou nas instalacións hospitalarias e educativas».
Así mesmo, «resulta imprescindible ampliar o convenio co Concello, posto que o actual e absolutamente pírrico. Como vimos constatando en cada xuntanza que mantivemos co tecido asociativo, todos estes anos acusouse unha grande falta de interlocución e visibilidade no Concello de Ferrol«.
Reunión no barrio de A Magdalena
Na tarde do xoves 16 de maio, Marea de Ferrol tamén mantivo un encontro no CC Torrente Ballester con diversas asociacións asentadas no Barrio de Magdalena, como Toxos e Froles, a Acociación de Hostalería, Cáritas, ou a Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa.
Falouse da necesidade de pensar colectivamente no futuro do barrio da Magdalena, e sobre distintos aspectos que o afectan de forma particular: PXOM, acceso dende a saída da autoestrada (convenio de Defensa), peonalización, orzamentos participativos, plans de dinamización comercial, incentivos para a creación cultural… «Estivemos de acordo en que é fundamental o establecemento de redes entre entidades de diversos ámbitos, transversalizando cuestións como cultura, comercio, hostalería e atención social«.
Dende Marea de Ferrol queren destacar que, «sendo todas as asociacións de moi diferentes ámbitos de actuación, foi moi doado dialogar entre todas. Unha vez máis constatamos que a falta de comunicación e diálogo imperante nos últimos anos é nada máis que unha falta de vontade política e de absoluta desidia«.