O candidato socialista á alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, apostou na mañá deste venres por transformar as instalacións do CIS da Cabana nun centro tecnolóxico de desenvolvemento da eólica mariña, xa que conta con todos os recursos necesarios: a industria xa implantada, a Universidade, e unha ampla liña de costa para investigar. Considera que Ferrol pode estar á cabeza de Europa nesta tecnoloxía e na substitución dos combustibles convencionais polo gas natural no transporte marítimo
Mato lembrou que o Plan de Enerxía e Clima que presentou o Goberno central hai uns meses permite a Ferrol contar con esta importante posibilidade de diversificación industrial, que colocaría a esta cidade á cabeza de Europa da que é a tecnoloxía do século XXI.
«Ferrol é o lugar axeitado», subliñou o cabeza de lista do PSdeG-PSOE, que destacou que o CIS xa conta coas instalacións construidas, con «excelentes tecnólogos«. O feito de que Ferrol, ademais, dispoña de importantes recursos propios como a industria xa implantada no municipio ou titulacións da UDC como o grao de Enxeñería Naval e Oceánica ou de Enxeñería Eléctrica co máster de enerxías renovables e eficiencia enerxética, así como o canal de experiencias hidrodinámicas inaugurado en 2015 no campus, supoñen outros engadidos para que Ferrol lidere o desenvolvemento desta tecnoloxía coa colaboración pública (Xunta, Ministerio de Ciencia ou Deputación) e privada.
Por outra banda, Ángel Mato apostou, como outra vía de diversificación industrial, pola substitución dos combustibles polo gas natural para o transporte marítimo. Isto abre, dixo, novas vías para a diversificación ligadas ao bunkering, ao rediseño de motores e á sinerxia que aporta o ter un estaleiro especializado na reparación de buques gaseiros.
Así mesmo, como apuntou, tamén se poderían abrir vías de investigación en canto ao gas renovable en colavoracción coas tres universidades galegas e os seus diferentes departamentos que están xa traballando na mesma. «A transición ecolóxica é o maior reto ao que se enfronta Europa nos vindeiros anos e Ferrol ten todo o potencial para aproveitar esta oportunidade e xerar máis e mellor emprego«, dixo