A zona rural do municipio de Narón será obxecto nas vindeiras semanas de novas obras de implantación da rede de saneamento. O Concello adxudicou recentemente os traballos correspondentes á dotación deste servizo nunha zona da parroquia de Castro e proximamente, en concreto a vindeira semana, procederase a adxudicar outras actuacións pendentes de iniciar nas parroquias do Couto, Pedroso e Sedes.
Trátase de catro actuacións orzamentadas, en conxunto, en 1,28 millóns de euros, unha contía que se complementa coas partidas que nos últimos catro anos se destinaron tamén a implantar este servizo nesas catro parroquias e outras da zona rural.
Entre as obras que se adxudicarán a vindeira semana están as proxectadas na zona de Portela, na parroquia de Pedroso, unha actuación da que se beneficiarán no futuro algo máis dun centenar de vivendas. O prezo de licitación destes traballos ascende a 322.000 euros. Así mesmo, na parroquia
do Couto tamén se adxudicarán a vindeira semana as obras previstas na zona de As Cobas, que darán servizo a unha trintena de vivendas e suporán un investimento de 127.000 euros.
Así mesmo, está pendente recibir no Concello un informe que debe emitir a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia para poder acometer as obras de saneamento na zona de Vilacornelle, na parroquia de Sedes. Neste caso, beneficiaranse do servizo algo máis de medio centenar de vivendas deste lugar, con cargo a un desembolso económico de 483.000
euros.
Rede de saneamento na Mata, en Castro
A maiores destas tres actuacións que de xeito inminente se adxudicarán dende o Concello, este proceso rematou recentemente no caso dos traballos proxectados para implantar a rede de saneamento na zona da Mata, na parroquia de Castro. Neste caso, ao estar xa adxudicadas as obras, comezarán nas vindeiras semanas, e a súa execución, neste caso, permitirá dotar do servizo a algo máis de sesenta vivendas dese lugar do rural naronés. Os traballos a levar a cabo licitáronse neste último caso por un importe de 355.000euros.