A ampliación da rede de saneamento rural foi un dos compromisos adquiridos pola candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, no acto electoral celebrado este martes –a partir das 21.00 horas- no local social de Castro. Ferreiro, estivo acompañada por Iria Saavedra –número 22 da lista-, Pablo Mauriz –número 4-, Ibán Santalla –número 5- e Manuel Ramos –número 2-. No acto de presentación os integrantes da lista de Terra Galega valoraron o traballo realizado polo equipo do partido na cidade e destacaron o seu compromiso cos “proxectos ilusionantes cos que nos dispoñemos a afrontar os vindeiros catro anos de goberno na cidade”.
Rede de saneamento
Na súa intervención, Ferreiro destacou que tanto a continuidade da implantación da rede de saneamento como a eficiencia enerxética continuarán formando parte das liñas de traballo de TEGA nesta parroquia durante o vindeiro mandato. “Nesta parroquia realizamos importantes investimentos nestas dúas áreas e queremos seguir avanzando”, asegurou. A candidata de Terra Galega aludiu aos traballos realizados para dotar de rede de alcantarillado a vivendas do lugar de Borreiros, por un importe que rondou os 100.000 euros e avanzou que “xa están adxudicados os traballos correspondentes á implantación do saneamento na zona da Mata, que dará inicialmente servizo a unhas 63 vivendas e suporá un investimento de 355.000 euros”. “No mandato que está a piques de rematar apostamos polo saneamento nesta parroquia e continuaremos traballando nesta mesma liña, porque consideramos este servizo prioritario en todas as parroquias do rural”, recalcou Ferreiro.
Eficiencia enerxética
En materia de eficiencia enerxética tamén se acadaron importantes avances na parroquia de Castro, cun proxecto licitado conxuntamente con actuacións en Pedroso valorado en 70.000 euros para a implantación de alumeado led, e continuarase traballando nesta área, para mellorar a iluminación pública do rural naronés, a maiores dos traballos tamén executados e en execución na zona urbana.
A reparación da cuberta do local social de Castro, a habilitación dunha zona de estacionamento nas inmediacións do mesmo, e a mellora do firme do vial de Agrande foron tamén actuacións que contribuíron á mellora desta parroquia.
En canto ás áreas de lecer, tamén nos vindeiros días se procederá a substituír os elementos do parque biosaudable da parroquia, ubicado xunto ao local social da Borrallada.
Tamén neste acto electoral Ferreiro agradeceu a colaboración veciñal á hora de aunar esforzos e traballos para acadar outras melloras, como recentemente as que se implantarán no Plan de Transporte da Xunta, ao atenderse as demandas plantexadas pola AVV Os Cruceiros, e tamén as súas aportacións para para nomear os camiños e renumerar as vivendas da parroquia.
“A parroquia de Castro continúa experimentando ano tras anos melloras tanto en infraestruturas como en servizos e así seguirá sendo nos vindeiros anos, donde avanzaremos nas materias que traballamos e tamén para reducir a fenda dixital na zona rural, para descentralizar novas actividades de cultura e lecer, e promover xornadas por exemplo con monitores nos parques biosaudables dirixidas ás persoas maiores”.
“Queremos unha cidade máis humana, atractiva para as nosas veciñas e veciños, con novas propostas para as persoas nas áreas deportiva, cultural e tamén apostamos por dinamizar a economía e o turismo, eixos do noso programa para os vindeiros catro anos”, recalcou.
O equipo de Terra Galega estivo pola tarde no paseo marítimo de Xuvia –ás 17.00 horas, a través da iniciativa Vémonos na rúa!- e o vindeiro acto electoral de TEGA será hoxe mércores no local social de Santa Rita, en Xuvia, donde a candidata á alcaldía, Marián Ferreiro, estará acompañada por Ibán Santalla, número cinco da lista de TEGA para os comicios do 26 de maio. Previamente, ás 17.00 horas, tamén mañá parte do equipo de TEGA estará no Parque do Río Freixeiro.