Terra Galega celebrou unha reunión coa veciñanza de Sedes

A candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, reniuse este luns coa veciñanza de Sedes, nun acto electoral de campaña no que tamén participou José Carlos López, membro da candidatura de TEGA, e outros integrantes da mesma. López defendeu o proxecto de Terra Galega na cidade, co que asegurou “concordar ao cen por cento, por entender que é o mellor proxecto para que a nosa cidade continúe avanzando como o veu facendo nos últimos anos” ao tempo que agradeceu “esta oportunidade para poder formar parte deste equipo, no que continúo con ilusión e con moitas ganas de traballar”.

Ferreiro avanzou unha das propostas de TEGA para o vindeiro mandato en Sedes, que consistirá na habilitación dun módulo cuberto de atletismo no pavillón polideportivo de Sedes. “Narón, entre moitas outras cousas, tamén é Deporte, como sempre defendemos, e nesta ocasión apostamos por esta parroquia para poñer a disposición das veciñas e veciños un módulo cuberto de atletismo”, avanzou. “A práctica do atletismo, do que contamos cun club na cidade e con varios afeccionados a este deporte, poderase realizar no pavillón de Sedes, un espazo que consideramos idóneo para habilitar este módulo cuberto con seis rúas de velocidade e espazos propios para lanzamento de peso, salto de altura, pértiga e lonxitude, unha proposta novidosa na nosa cidade e que complementará o resto de instalacións deportivas municipais da zona urbana e rural”, explicou Ferreiro.

Así mesmo, a candidata de TEGA incidiu en que “unha das prioridades para o equipo de Terra Galega na zona rural é o servizo de saneamento. Nestes últimos anos realizamos investimentos importantes nesta área, o último o previsto en Villallonte, pendente de contratar á espera dun informe da Xunta e que suporá un investimento de preto de 485.000 euros”. “Somos conscientes de que aínda queda traballo por facer, polo que continuaremos avanzando nesta liña ata completar ao cen por cento este servizo no rural”, subliñou Ferreiro. “Dende Terra Galega entendemos que o saneamento debe continuar figurando no caso de Sedes entre as actuacións prioritarias do Concello ante calquera outra posible intervención que se poida comprometer ou proxectar nesta parroquia, ofrecendo ás veciñas e veciños un servizo que cada ano chega a máis vivendas do noso termo municipal”, apuntou.

A eficiencia enerxética está tamén entre as prioridades de TEGA para os vindeiros anos, co que tal e como indicou a candidata do partido, “seguiremos apostando por instalar alumeado led tamén no rural, reducindo a contaminación lumínica, os gastos do Concello na factura eléctrica e, por suposto, ampliando a nitidez do alumeado”.

No referente aos servizos á veciñanza, Ferreiro desglosou tamén algunhas das liñas básicas do novo contrato do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello, actualmente en proceso de licitación. “Con este novo contrato contaremos con puntos de proximidade, instalaranse máis contenedores e de maior capacidade e, a maiores, incrementaremos a periodicidade dos desbroces que se realizan na zona rural ao longo do ano, ao dispoñer de máis maquinaria para facelos”.

Ferreiro destacou tamén unha das últimas intervencións executadas na parroquia, concretamente a habilitación dun parque infantil e biosaudable, con mesas e bancos de pedra e unha fonte nas inmediacións do local social de Sedes. “Os veciños e veciñas de Sedes dispoñen dunha ampla zona de lecer que precisaba esta parroquia, en mellores condicións que a anterior e con maior equipamento”, asegurou a candidata de TEGA. Esas melloras complementaranse, indicou, coas reformas previstas no local social e que suporán un investimento que ronda os 100.000 euros. “Os traballos, que permitirán acondicionar o entorno do local social e mellorar a súa eficiencia enerxética co cambio da carpintería exterior, así como mellorar a actual accesibilidade, están xa adxudicados, aínda que non comezarán ata despois das eleccións porque o local social é un colexio electoral e funcionará como tal o vindeiro 26 de maio”, explicou Ferreiro.

Nos vindeiros catro anos

“Nos vindeiros catro anos continuaremos apostando tamén polas múltiples posibilidades que ofrece esta parroquia, respaldando festividades moi vencelladas á nosa cultura, como o Oenach Atlántico, que sin a axuda dos veciños e veciñas de Sedes non se podería manter no tempo como se veu facendo nos últimos anos, descentralizando actividades culturais como o Cine ao aire libre, as propostas do programa Apego de socialización en galego ou os obradoiros de teatro do Padroado da Cultura, cunha excelente acollida nesta parroquia”, subliñou a candidata de Terra Galega.

Na xornada deste martes terá lugar o acto electoral programado na parroquia de Castro, tamén a partir das 21.00 horas. No mesmo intervirán Marián Ferreiro e tamén acudirán Iria Saavedra, Pablo Mauriz, Ibán Santalla e Manuel Ramos.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …