O Concello de Narón pon ao servizo da veciñanza tres novos parques biosaudables na cidade, en ubicacións da zona urbana e da rural, e renovou tamén os elementos do habilitado na parroquia de Castro. No que respecta aos barrios da cidade, recentemente instaláronse equipos biosaudables propios deste tipo de parques na zona da Mariña Española, na rúa Virxe da O, e tamén no rural, concretamente na área de lecer localizada xunto ao local social da parroquia de Sedes e tamén no entorno do local social de San Mateo.
No caso de Sedes, os traballos acometidos consistiron tamén na habilitación dun parque infantil, con varios elementos de xogo, mesas e bancos de pedra e unha fonte, dispoñendo as veciñas e veciños dunha ampla zona de lecer nas inmediacións do local social, nunha parcela anexa á citada construción.
Así mesmo, nos vindeiros días procederase a substituír os elementos do parque biosaudable localizado na parroquia de Castro, xunto ao local social da Borrallada.
Estes parques constan de cinco ou seis equipos –en función de cada caso- cos que as persoas maiores poden realizar diferentes exercicios, seguindo as pertinentes indicacións de cada un dos elementos.
Con cargo a estas actuacións as veciñas e os veciños da zona urbana e rural disporán ben de novos parques biosaudables ou doutros nos que se procede á renovación dos elementos existentes.