Máis de 200 persoas asistiron a unha nova andaina do programa municipal «Ponte en ruta con nós», en Narón

Un total de 252 persoas participaron na mañá deste domingo na quinta andaina do programa municipal de Narón Ponte en ruta con nós. A Ruta do Belelle foi o tramo elixido para a camiñata, discurrindo pola zona da Capela e chegando ata a fervenza do Belelle, en Neda. Os camiñantes desfrutaron durante algo máis de tres horas dunha paisaxe na que as árbores autóctonas e o río Belelle cobraron gran protagonismo.

As andainas deste programa continuarán o vindeiro mes de abril, concretamente o día 28, cunha proposta que levará aos participantes pola coñecida como Ruta das Praias, entre Covas e Prioriño. A saída será novamente do pavillón polideportivo da Gándara –ás 9.00 horas- ata o punto de inicio da ruta e o tramo a percorrer é duns 16,5 quilómetros e dunha dificultade alta. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir de mañá, día 1 de abril, no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres 9.00 a 13.00. No momento de inscribirse é preciso pagar tres euros, unha cantidade coa que se sufragan os gastos de desprazamento en autobús desde o polideportivo da Gándara ata o punto de inicio de cada camiñata e a viaxe de regreso desde o remate da ruta ata o pavillón da Gándara.

O programa municipal Ponte en ruta con nós iniciouse nesta cuarta edición o pasado 28 de outubro, e rematará vindeiro 30 de xuño. Cada mes, excepto en decembro, programouse unha ruta, quedando pendientes as que discurrirán o 28 de abril pola Ruta das Praias; a do día 19 de maio polas Fragas da Ribeira (As Pontes) e, finalmente, o 30 de xuño desde a zona de Xuvia ata o muíño de Pedroso.

O obxectivo deste programa municipal é erradicar o sedentarismo, incentivando a práctica de exercicio ao aire libre, ao tempo que dar a coñecer o contorno natural e patrimonial de Narón e doutros concellos da comarca.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …